Juanín súmase ao proxecto do Céltiga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Cedida

O centrocampista santiagués é o noveno futbolista confirmado no plantel do equipo illense para a vindeira tempada

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De aquí en sete días o Céltiga 2018/19 botará andar baixo as ordes de Manolo Núñez. Onte o técnico ourensán elevaba a nove o número de efectivos confirmados no seu plantel, coa presentación de Juan Bautista Rey Gómez, Juanín (Santiago, 6/IV/1997), como novo futbolista do conxunto da Illa de Arousa.

Pese a non ser un dianteiro, Juanín sumou 18 goles nas dúas últimas tempadas, nas que formou parte dos proxectos frustrados do Estradense para regresar á Terceira División. Formado no Compostela, no que chegou debutar na Segunda División B, o novo futbolista do Céltiga presenta ese perfil polivalente que busca este verán Manolo Núñez nas contratacións do club. Centrocampista con capacidade para xogar por dentro, por banda -no Estradense fíxoo de extremo dereito-, ou mesmo na mediapunta, Juanín aparece nos plans de Núñez como mediocentro creativo, salientando del o seu novo adestrador o seu «moi bo trato ao balón, un excelente golpeo e centro, e sobre todo, moita ilusión por medrar no fútbol».