O mestre marcial que aprende a vivir sen loitar

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Hermo leva 25 anos ensinando en Vilagarcía unha filosofía de vida. Devolver os nenos á natureza é o seu novo reto

01 jul 2018 . Actualizado a las 09:13 h.

«O mellor recordo que teño de neno é chegar á miña casa e ver a 15 ou 20 rapaces na porta agardando para marchar ao monte con Pepe, o meu pai; o meu ídolo». Mario Hermo (Boiro, 24/IX/1974) tivo a sorte de medrar nun mundo que o mal chamado progreso semella decidido a erradicar. Unha realidade na que os cativos se criaban aprendendo en e da natureza, coa guía dun pai, dunha nai, dalgún avó, tío ou veciño que gravaba unha morea de ensinanzas e de recordos sempre últiles, ocupando ese recuncho máxico da memoria que converte unha infancia no fermoso tesouro que todos deberamos poder levar connosco de por vida. Ese neno de ollos ben abertos vive hoxe empeñado en tentar axudar a rescatar os mozos da era dixital da contorna de Matrix que ameaza con robotizalo todo, e devolverlles a conexión coa natureza a través do kenpo. «Unha forma de vida» na que a arte marcial só é unha pequena parte, salienta Mario, ou quizais unicamente a manifestación máis expresiva dunha maneira de ver a existencia humana ao ensinar que «nunca se debe pelexar. Hai que chegar a un entendemento co outro. Cando o artista marcial ten que loitar, fracasa», conta o mestre.

Vintecinco anos leva Mario Hermo ensinando kenpo en Vilagarcía, a onde rematou por trasladar a súa residencia desde a outra beira da ría no 2011. Recén licenciado no servizo militar, decidido a facer do kenpo a súa forma de vida, pero tamén de sustento, na vida de Hermo cruzáronse catro vilagarciáns. Pouco tempo despois de asistir a un dos seus cursos en Boiro, José Manuel Portela, Manuel Meilán, Julio Tenreiro e Laureano Barreiro pedíronlle que impartise outro, xa na capital arousá. Comezou entón, 1993, a cruzar a ría unha vez á semana para compartir de balde os seus coñecementos. Ata que dous ou tres anos despois, con 20 alumnos, o interese polo kenpo en Vilagarcía o animou a sumar outra sucursal aos seus varios puntos de ensinanza espallados polo Barbanza. Hoxe Hermo é o referente duns 160 aprendices entre a capital arousá, Vilanova, A Illa e o colexio de Baión. Con dous campións do Mundo formados por el, e un un internacional máis con palmarés coroados nos dous últimos anos. Pero o noso cociñeiro pasa por enriba deste capítulo. Porque, volve salientar, «o kenpo non é un arte marcial, é unha forma de vida. Unha tradición cultural e marcial nacida como forma de defensa que arrinca no S. XVIII en Xapón. E a parte deportiva é posiblemente a que menos me guste».

O ximnasio ‘feito na casa’

Para entender a Hermo convén comezar polo principio. E o principio lévanos aos extremos do mapamundi. Oriente, e o medio oeste norteamericano. Ás paraxes, pero sobre todo, ás ensinanzas das desventuras do personaxe interpretado por David Carradine na mítica serie Kung Fu, onde a arte marcial era presentada só como o último recurso dun monxe pacifista. Entre a televisión, e as clases ás que se sumaba con 8 anos en Espiñeira, a carón da súa casa, cos pupilos de Juan Hombre, precursor do kenpo no Barbanza, Mario Hermo enganchouse de tal maneira ao tema que, lembra, «no faiado de casa montei o meu propio ximnasio. Ataba neumáticos de bicicleta a unha columna e usábaos enganchándoos aos pés e ás mans, con amortiguadores de motos e dous paos facía unha barra de torsión, con cubos de pintura de 25 litros cheos de cemento e de pedras, un aparello de poleas...». Así comezou o futuro mestre de kenpo, campión de Europa en defensa persoal e subcampión do mundo de kata na súa etapa de competidor.

A marcha a Madrid de Juan Hombre levou a Mario a apuntarse no único ximnasio de artes marciais que quedaba en Boiro. Aí naceu o seu camiño cara o seu cinto negro de taekuondo, e alí espertou a súa vocación docente. «Dábanme clase dous irmáns, e coincidíu que un tivo que marchar á mili, e o outro partira unha perna, e como eu sabía o programa, puxéronme a dar clases con 14 anos, tamén a rapaces maiores ca min». Coa secretaria do club levándoo en coche ata Porto do Son e A Pobra, e un par de anos despois, xa montado pola súa conta, tirando da familia e dos amigos para moverse polo Barbanza.

Xogador de fútbol e de fútbol sala de chaval, titulado de FP en electrónica, apaixonado da historia e do trial en bici; Mario pasou dunha vida de militar profesional -foino dous meses na Brigada de Alta Montaña, pero non tardou en descubrir que non era o seu- a educador integral: «O que máis me gusta é ensinarlles aos máis pequenos». E facelo «coma antes». Indo máis aló da parte deportiva, desvelándolles todo o que ofrece o kenpo. Por exemplo, fronte a graves problemas «como o bulling ou a violencia de xénero», máis que polas técnicas de defensa marcial, salienta, «por todo o que lle dá á persoa para fortalecer o carácter». Ou un medio tamén para recuperar a conexión coa natureza dunha xeración de nenos «metidos nas casas a nas consolas» aproveitando, sinala o mestre, «os ríos e os montes únicos de Vilagarcía, tan desaproveitados para actividades ao aire libre». Con cousas tan sinxelas, por exemplo, como aprender a facer un pequeno refuxio a ceo aberto.

Conseguir que «dentro de 20 anos os rapaces que ensino garden un recordo bonito do que aprenderon así comigo, como eu o gardo da miña infancia co meu pai», esa é a nova travesía polo oeste que move o neno que aprendeu cun pequeno besbello.