Cinco días de música, maxia, cine, teatro e unha homenaxe a Narf

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Milladoiro, Carlos Blanco, Budiño, Uxía, Mofa e Befa, Javier Rosa, Santiago Auserón... Un cartel de luxo e de corazón

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 31 de xullo ao 4 de agosto • A Illa de Arousa • Hai catro anos que Uxía, Carlos Blanco e outros artistas namorados da Illa pensaron que sería bo devolverlle a este fermoso lugar algo do que lles da, e así naceu o ciclo cultural O mar nunha flor. Vese que llo seguen agradecendo porque ámbolos dous, e moitos máis artistas, participan outro verán máis neste proxecto que xa forma parte da bandeira cultural do Concello.

Non podía faltar, e non falta, a colaboración da Deputación de Pontevedra, por iso onte estivo o deputado de Cultura, Xosé Leal, no acto de presentación das actividades deste ano. Leal cre que iniciativas coma esta poñen a Galicia no mapa, porque desde periferia, dixo, tamén se fai cultura. «Dicir que os turistas non veñen a escoitar cantar en galego é unha falacia», subliñou.

Desde logo, a O mar nunha flor non lle falta público, aínda que coincida coa poderosa Festa do Albariño. «Nós somos o centro do mundo», apuntou Carlos Blanco, por se alguén tiña dúbidas.

Durante cinco días sucederase actividades para toda a familia. O acto central será o sábado 4 de agosto co gallo da homenaxe que se lle vai render a Narf, un artista falecido hai un par de anos «que levamos no noso corasón». Polo escenario do auditorio (21 horas) pasarán Santiago Auserón Najla Shami, Marcos Teira, Luiz Caracol, Budiño, Quilma, Coro Encaixe, Brais Morán, Carlos Santiago, Manuel Seixas, Xurxo Romero, Santi Frutos, Artur, Alejandro Vargas e os mencionados Carlos Blanco e Uxía, que onte acompañaron ao alcalde, o deputado e concelleira de Cultura na presentación. As entradas están xa á venda na administración de San Xulián, no bar O Museo e en Gradisela Arousa, por 10 euros. Na taquilla, o día da actuación, valerán 12 euros.

Pero antes haberá moito máis que ver e facer na Arousa. O programa arrinca o día 31 cun obradoiro de fotografía escénica con Javier Rosa, as 12 horas no auditorio, e un concerto dos profesores da escola de música municipal, ás 21 horas na praza da biblioteca; o día 1, repite o obradoiro de fotografía escénica e cine: na carteleira «A caixiña de mixtos» e a multipremiada «Dhogs»; o xoves 2 haberá títeres ao mediodía na praza do Concello e o teatro de Mofa e Befa no auditorio; o venres 3 será a quenda do mago Cali, ao mediodía na praza do Concello, e pola noite, Milladoiro tocará no auditorio. Todo isto compleméntase coa exposición «Solarigrafía» de Xurxo Romero, que se poderá visitar no auditorio, que este ano celebra o seu décimo aniversario. E o que está por vir. Carlos Blanco avanzou que estase cocendo un festival de música electrónica e ciencia que engadirase a Cultura nos Cons e ao Atlantic Fest, outras das grandes citas do verán cultural da Illa.