Música, teatro, maxia e xogos cun aceno de agarimo cara ao galego

O parque Miguel Hernández será hoxe unha festa xigantesca, en especial para os máis pequenos, co Festival do Estío. O verán xa está aquí

.

Como cada verán, dende hai xa tres anos, Vilagarcía recibe a estación máis luminosa do ano cun grande festival pensado para toda a familia. A cita desenvólvese hoxe, a partir das once e media da mañá, no parque Miguel Hernández, en pleno centro da cidade, cunha serie de actuacións que se prolongarán ata o serán. Haberá un pouco de todo. Música, maxia, teatro, monicreques, xogos e numerosas actividades lúdicas programadas pola concellería de Cultura, que xestiona Sonia Outón. Todo será de balde e, desta volta, cun aceno agarimoso cara á lingua galega, xa que o Festival do Estío se suma ao programa Apego de dinamización da nosa fala.

En varios escenarios

Anxo Moure, co seu máxico patín en forma de nube, será quen arrinque a xolda ás 11.30 horas. Nesta mesma quenda actuarán Trinke Trinke, co seu conto poético a cargo de Vanessa, e o mago Martín Camiña, capaz de sorprender a calquera cos seus cachifallos.

O segundo pase terá lugar ás doce e media. Chegará entón o momento do músico Xoán Curiel, co seu espectáculo Estamos no verán, configurado a partir dunha novela cedé, co que procura a participación do público mesturando as cancións con elementos teatrais e de clown. Collerá o relevo a narradora Charo Pita e a súa galiña Cocoricoricó, a única capaz de atopar o arco da vella, que desapareceu. Bea Campos e os seus contos porá o remate ás sesións da mañá.

A festa retomará o seu pulo ás seis da tarde coa actuación de Vera Rilo, a bruxa regañadentes, e as animaladas de Marta Ortiz, coas súas historias tolas e divertidas, ademais da maga Fani Triana. A derradeira quenda comezará ás sete, con Ignacio Vilariño, que viaxa a bordo do tranvía Leonardo. A continuación, o músico Servando Barreira e os contos do bardo Abelardo. Rematará o grande festival de verán Larraitz Urruzola, que en Babamor recolle fermosas historias creadas e contadas por mulleres. O concerto de Pablo Díaz porá a guinda, a iso das oito. E durante todo o tempo, haberá un espazo de xogo libre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Música, teatro, maxia e xogos cun aceno de agarimo cara ao galego