María Pérez súmase a Carla Frieiro e Manuel Fontán na lista para o Mundial Xuvenil

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

A do Muíño gaña a praza para o C-2 500, mentres que a padexeira das Torres dobrará nos olímpicos K-1 500 e 200. Natalia García aspira ao K-4 500 Absoluto

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fontán (Náutico O Muíño de Ribadumia) aseguraba a comezos de abril a presenza un ano máis do piragüismo arousán nas grandes citas internacionais coa conquista da praza do olímpico C-1 1.000 no Mundial Xuvenil do vindeiro verán. Un mes despois, no mesmo lugar, o encoro asturiano de Trasona, a presenza do Salnés e do Baixo Ulla nas seleccións españolas de sprint elevábase de maneira exponencial da man de tres dos padexeiros de ambas as dúas comarcas, e coa posibilidade de ver incrementado o número de internacionalidades nas vindeiras datas.

Á marxe da canguesa Teresa Portela, a maior kayakista española de todos os tempos e con residencia no Grove desde hai anos, que se fixo co K-1 200 e 500 na primeira Copa do Mundo, no Campionato Europeo Absoluto e nos Xogos do Mediterráneo, foi a catoirense das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro quen encabezou a actuación arousá en Trasona. Facéndose o venres no selectivo específico coa praza no K-1 500 do Mundial Xuvenil cunha extraordinaria suficiencia, case 4 segundos sobre Lara Feijoo, do Kayak Tudense. E sumando un día despois o posto no K-1 200, outro barco olímpico, ao impoñerse na final da Copa de España de 200 e de 500 metros; de novo cunha enorme diferenza, case 2 segundos xusto por diante da mesma rival.

María Pérez, do Náutico O Muíño, remará no Mundial Xuvenil o C-2 500, outro barco do programa dos XX.OO. Farao logo de colgarse a prata na final do C-1 500 da Copa de España como primeira destra, prata a 124 milésimas da campioa, a zurda María de la Peña, do E.P.C. Pontevedra, que o xoves xa lle arrebatara o posto no C-1 200 do Mundial Xuvenil por 6 décimas de segundo. Horas antes da final do C-1 500 o sábado, na Copa, María Pérez impúxose en loita pechada coa mesma rival na regata polo título estatal no C-1 200 por 184 milésimas. Tempos os tres que dan conta da igualdade extrema entre as dúas padexeiras.

O madrileño do Breogán Noel Domínguez fíxose pola súa banda no selectivo co C-2 1.000 no Mundial Sub-23 xunto con Martín Gonzalo, do Náutico Sevilla.

A tamén breoganista, e grovense, Natalia García, pelexará pola súa banda este xoves por ser parte do K-4 500 no vindeiro Europeo Absoluto, logo de gañarse o dereito a aspirar a un asento no barco como sétima clasificada no final do selectivo para o K-1 500. A súa compañeira de adestramentos no Centro de Alto Rendemento de Sevilla, a cesureña Camila Aldana Morison, pola contra, asinou unha mala actuación en Trasona, e deberá agardar á aparición de vías alternativas para poder pelexar un novo ano con medalla internacional.

Tamén pendente de praza, no seu caso no Mundial Sub-23, queda a padexeira das Torres Raquel Dacosta, que vén de pasar á canoa, rematando segunda no selectivo do C-2 500 coa pontevedresa Carla Frieiro por detrás da tamén lerezana Antía Jácome, gañadora ademais do control para o C-2 500 Sénior.

 

 

Trece medallas arousás na Copa de España de 200 e de 500 metros, a metade douradas

A fin de semana foi altamente produtiva para o piragüismo arousán en Trasona. Máis aló do peneirado para boa parte das probas nas grandes citas internacionais da tempada, a Copa de España de 200 e de 500 metros concluíu con trece medallas de barcos arousáns. Seis delas, de ouro. Co Náutico O Muíño e Piragüismo Illa de Arousa á cabeza, gozando cada un dos clubs de catro preseas.

Ao ouro no C-1 200 e a prata no C-1 500 de María Pérez Aragunde o equipo ribadumiense sumou o título do tamén xuvenil Manuel Fontán Señoráns no C-1 500 e o segundo posto no C-1 200.

Juan José Rodríguez Pol subiu catro veces ao podio coa elástica do Piragüismo Illa de Arousa. Concretamente, ao segundo chanzo do KS1 200 e 500 e do VS1 200 e 500 de paracanoe.

O As Torres-Romaría Vikinga contou cos ouros de Carla Frieiro nas finais do K-1 200 e 500 Xuvenil, e co título do K-2 200 Sénior, este último barco con Raquel Dacosta e con Fátima Ordóñez.

O outro club arousán que celebrou medallas foi o Breogán do Grove. Dúas para ser exactos. Con Natalia García Naveiro redondeando a súa notable semana en Trasona. Tras rematar terceira no selectivo do K-1 200 só por detrás de Teresa Portela e do seu aparente relevo a medio prazo, a asturiana Sara Ouzande, e do seu sétimo posto no control do K-1 500, García conquistou a Copa de España no K-1 500 Sénior. O seu compañeiro Enrique Navas foi prata no KL2 200 na súa primeira participación nunha competición estatal.

O equipo de Catoira remata no podio sénior feminino

Na clasificación por equipos, houbo un nome propio entre os cinco clubs arousáns desprazados a pasada fin de semana á Copa de España de 200 e de 500 metros en Trasona. O das Torres-Romaría Vikinga. Máis aló de rematar no Top Ten da cita estatal, décimo con 396 puntos, moi lonxe dun podio copado pola E.P. Aranjuez con 1.477 puntos, polo Náutico de Sevilla con 1.198 e polo Kayak Tudense, con 870, o colectivo do Baixo Ulla foi ademais terceiro na clasificación Sénior Feminina. Neste último caso, rematando moi preto do C.D. Cisne, con 189 puntos fronte a 198; o triunfo foi para o E.P.C. Pontevedra con 221.