A Peña Carcamáns pecha o cartel da Romaría Celtista que organizará en xuño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

lDe Vacas e Malandrómeda encabezan o cartel musical

22 mar 2018 . Actualizado a las 14:45 h.

Falar da Peña Carcamáns da Illa de Arousa é facelo dun colectivo que destila boa onda ao seu arredor. E boa onda é a que prometen os seus responsables co cartel da IV Romaría Celtista, a xuntanza aberta a todas as peñas do R.C. Celta de Vigo, que terá a localidade insular como punto de encontro o vindeiro 16 de xuño co Celta e co Concello entre os seus colaboradores.

A cor celeste inundará ese día máis do que xa é habitual A Illa de Arousa. Nunha xornada de festa aberta polo pasarrúas a cargo de Dorna a partir das doce, e a apertura da carpa do xantar de confraternidade das peñas desde a unha, amenizado pola Duendeneta e polo propio Dorna. E é que será o 16 de xuño un día moi longo para quen queira pasalo ben na Romaría Celtista. Con actividades e inchables para os máis cativos na Praza do Regueiro a partir das cinco da tarde, e cun festival concentrado con inicio ás oito e media e cun cartel de auténtico luxo encabezado por Malandrómeda e De Vacas, e completado polos grupos Keltoi, Noite Fechada e Igmig.

A Peña Carcamáns poñía onte á venda as entradas, ao prezo de 20 euros os maiores de 12 anos, e de 10 para os nenos ata esa idade. Os interesados poden adquirir os seus tiques nos seguintes establecementos: A Taberna dos Baláns (A Illa), The Movie (Vigo), La Juakina (Vigo), Merlegos (Santiago), O Fogar de Santiso (Lalín), Venus (Nigrán), e A Parra (Ribadavia). Para máis información, a páxina de Facebook http://facebook.com/Romaria Celtista.