Carreirón 10K, que todos os días sexan o Día da Muller

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

A proba popular da Illa abre inscrición situando o recoñecemento social da cidadanía feminina á par da promoción deportiva e turística

10 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo 6 de maio é a data elixida pola Fundación Deportiva Municipal da Illa de Arousa para a celebración da cuarta edición do Carreirón 10K. A proba popular coa que un grupo de afeccionados ao deporte e veciños da localidade quixeron retomar da man da Fundación a antiga carreira de atletismo que se celebraba no municipio, e desaparecida tanto tempo atrás. Claro que a data da proba, confirmada onte polos seus organizadores na presentación oficial realizada no salón de plenos da casa do concello, descontábase entre o medio milleiro de afeccionados cos que conta xa desde a súa segunda edición. Porque, como subliñou a tenente de alcalde e concelleira de Deportes da Illa, Rosi Viana, o recoñecemento social da muller constitúe unha das tres razóns de ser da carreira, á par da súa natureza deportiva e a promoción turística do concello.

Así, porque «co Carreirón 10K queremos ter unha mención especial para a muller», explicou Viana, volveuse escoller o primeiro domingo de maio, Día da Nai, como data para a cita atlética, «que se manterá no tempo». De feito, engadíu Paula Dios, xerente da Fundación Deportiva Municipal, a presentación con tanto tempo do Carreirón 10K obedece a que este ano «quixemos presentar a carreira facéndoa coincidir coa semana na que a muller ten unha presenza especial nos medios», tras a histórica folga e mobilización social masiva en Arousa e Galicia, en particular, e en España, en xeral.

Despois de contar con 439 atletas no 2015, con 503 no 2016 e con 570 no 2017, cubrindo todas as prazas no segundo ano e as das categorías base -prioritarias para a Fundación- nunha última edición ampliada a un tope de 600 corredores totais, a organización do Carreirón 10K non descarta chegar desta volta a esta última cifra, que volve figurar como límite innegociable. E iso porque, explica Paula Dios, a intención é seguir ofrecendo unha proposta deportiva que permita seguir sendo «un verdadeiro exemplo», como probarían «os comentarios que nos fan os participantes despois da carreira» encantados con esa mestura de deporte, recoñecemento da muller, e a paisaxe dun trazado de 10.200 metros para as categorías absolutas que atravesa paraxes da fermosura dos de Cabodeiro, do Xufre, do Campelo, do Faro de Punta Cabalo ou da Area da Secada. Con asfalto, con madeira e con terra como superficies que se van sucedendo ao longo do percorrido.

A Fundación abre hoxe o prazo de inscrición ata o 29 de abril ás 23.59 horas. Cun custe para os adultos de 5 euros ata o 21 de abril, e de 8 a partir de entón, cos menores podendo participar gratis. A través da web www.emesports.es, con posibilidade, só a vindeira semana, de inscribirse presencialmente na Fundación.

O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, a súa tenente de alcalde, o vicepresidente da Fundación, Salvador Allo, e Paula Dios salientaron a relevancia dos 150 voluntarios cos que conta a proba, cun papel central dos corredores do Punta Cabalo Arousa Runners.