Un de cada catro padexeiros no Campionato Galego de Inverno Individual será dun club arousán

Diego Romero, María Pérez, Manuel Fontán, Raquel Dacosta e Carla Frieiro parten entre os favoritos ao primeiro título da tempada

.

Coa primeira proba da Liga Galega de Kayak Mar servindo de prólogo a pasada fin de semana en augas de Rianxo, a tempada autonómica de piragüismo ten hoxe a súa primeira gran cita. Un Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais que o sábado porá en xogo os primeiros títulos oficiais do 2018 sobre a distancia única de 5.000 metros. Será nun escenario do máis inusual, o encoro ourensán de Castrelo de Miño, ata agora coto do remo no tocante a competicións máis aló do rango provincial.

O Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais volve servir de medida do estado do piragüismo arousán. E as cifras de partida non poden resultar máis alentadoras. Porque se hai un ano un de cada cinco inscritos na cita presentaba licenza dun club do Salnés ou do Baixo Ulla, na vindeira edición a porcentaxe elévase ata o 24,1 %; isto é, practicamente un de cada catro deportistas anotados nos rexistros de saída pechados pola Federación Galega de Piragüismo. E iso, nunha edición que veu notablemente mermada a súa inscrición, tras ter decidido o ente reitor do deporte da pa na comunidade emular a Real Federación Española de Piragüismo, e segregar a categoría cadete, ata o 2017 integrada no programa, agrupándoa coa categoría infantil nun campionato autonómico específico posterior.

Deste xeito, o Galego de Inverno de Embarcacións Individuais pasou dos 598 padexeiros aos 356 deste ano, reducido ás categorías xuvenil, sénior e os diferentes segmentos de veteráns; unha variación que no caso dos clubs arousáns se traducíu no paso de 125 a 86 inscricións. As Torres-Romaría Vikinga sairá o sábado en Castrelo de Miño con 25 deportistas, polos 17 do Náutico Pontecesures, os 20 do Breogán do Grove, os 11 do Piragüismo Illa de Arousa, os 8 do Piragüismo Cambados, e os 5 do Náutico O Muíño de Ribadumia. Os veteráns arousáns serán algo máis de un de cada catro, cun total de 22.

De partida, son cinco as grandes bazas para a conquista de títulos no Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais con nomes e apelidos da zona. Diego Romero Fraga, un ano máis nas filas do Breogán do Grove, ten moitos visos de poder encadear o que sería o seu cuarto título autonómico invernal no C-1 Sénior, ausentes as figuras emerxentes xa con pedigrí internacional Adrián Sieiro e Sergio Vallejo, do Escola Piragüismo Poio, concentrados co equipo nacional de canoa en Sevilla.

No kayak feminino, Raquel Dacosta, das Torres-Romaría Vikinga, parte como favorita, coa breoganista Tania Álvarez quizais como a súa principal rival.

Nas categorías inferiores, Carla Frieiro, compañeira de club de Dacosta, é a outra gran baza do club de Catoira para conseguir unha foto no máis alto do podio do encoro ourensán no K-1 Xuvenil. Na mesma categoría, pero na canoa feminina, María Pérez Aragunde, do Náutico O Muíño de Ribadumia, pelexará por comezar a asentar unha nova tempada excelsa desde Galicia para o mundo, o mesmo có seu compañeiro Manuel Fontán, tamén no C-1, pero masculino.

A nivel de clubs, As Torres-Romaría Vikinga é o único dos equipos arousáns que comeza a tempada defendendo título, o xuvenil feminino, na Liga Galega de Pista, da que o Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais é a súa primeira proba puntuable.

 

Morison, Natalia García e Tono Campos, os grandes ausentes

Serán todos os que están, pero non estarán todos os que son. O Campionato Galego de Inverno de Embarcacións Individuais contará con moitas sobranceiras ausencias. Como a do campión olímpico no K-2 200, o viveirense Cristian Toro, ou unha Teresa Portela en fase de recuperación da intervención cirúrxica á que se sometía a comezos do pasado decembro tras partirse o menisco interno do seu xeonllo dereito. Un listado no que figuran tamén varios arousáns que, de presentarse o sábado no encoro ourensán de Castrelo de Miño, faríano co cartel de favoritos nas súas respectivas categorías.

É o caso das kaiakistas Camila Aldana Morison (Náutico Pontecesures) e de Natalia García (Breogán do Grove). As dúas, cun amplo e laureado currículo internacional, que por segundo ano están a traballar na súa consolidación na elite mundial no equipo nacional feminino con sede no Centro de Alto Rendemento de La Cartuja, en Sevilla.

 

Regata Cidade de Murcia

Alí se adestra tamén Noel Domínguez, a maior esperanza da canoa do Breogán do Grove, e compañeiro dun Tono Campos que despois de participar con éxito cos seus compañeiros da agrupación deportiva do Cuerpo de Policía Nacional na Regata Cidade de Murcia, con vitoria no C-1 5.000, segundo posto no dragon boat e terceiro no C-4, non pode disputar o primeiro título en xogo da tempada por un compromiso laboral o sábado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un de cada catro padexeiros no Campionato Galego de Inverno Individual será dun club arousán