Sen dar por pechado o seu plantel, o Arousa non ve preciso ter que reforzalo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

O club traballa de perfil ao mercado de inverno

09 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres os seus tres veciños na Terceira, Ribadumia, Céltiga e Vilalonga, se afanan por atopar as pezas que os seus corpos técnicos están seguros de precisar para poder encarar con éxito a segunda e definitiva metade de campionato, nas oficinas da Lomba trabállase de perfil ao mercado de inverno que pechará o vindeiro día 31. E dicimos de perfil, e non de costas, porque o director deportivo do club arlequinado, Eduardo Carregal, pon por diante aquilo de que «o plantel nunca está pechado, sempre se tenta mellorar». E máis, un como o do Arousa, con dúas fichas dispoñibles tras a cesión do porteiro Aarón ao Amanecer.

Dito isto, Carregal reitera que a intención do club a día de hoxe é a de que Jorge Otero tire co que ten, que non é pouco, consideran na Lomba. «Temos un plantel moi compensado. Agora mesmo só pensamos en seguir recuperando os lesionados», logo de ver a Anxo disputar os seus primeiros minutos en semanas o pasado sábado en Ourense, e confiando en que Yerai e Manu Justo sigan os seus pasos se non esta semana, a vindeira ao máis tardar.

Co Arousa consolidando a condición de rei do empate do grupo galego da Terceira no reinicio da competición, no primeiro partido da segunda volta e coa zona de promoción a 7 puntos, Carregal salienta que «o Arousa non está buscando nada, e non se fichará agás que apareza no mercado algo diferente ao que temos, e que se axuste ás nosas posibilidades».

Ribadumia, Vilalonga e Céltiga seguen a buscar, mentres Uru abandona A Illa

Co Vilalonga instalado en zona de descenso, tras sumar o domingo o seu terceiro punto en trece partidos, e co Céltiga só 5 puntos por enriba do pozo pese a saír cun proxecto de equipo de zona media-alta da táboa, tanto no San Pedro coma no Salvador Otero atopar reforzos segue a ser a mesma prioridade que hai un mes, cando a entrada en decembro alentaba as esperanzas de César Sánchez nun lateral esquerdo, e de Manolo Núñez na mesma figura, máis un home de banda dereita e un dianteiro centro. Sobre este último posto, coa urxencia elevada a semana pasada tras o adeus do pichichi illense, Uru, por incompatibilidade laboral cos adestramentos. Álex e Phillip, segundos puntas, son solucións en precario.

O Ribadumia tamén precisa dun ou de dous efectivos. Só que no seu caso o excelente rendemento do plantel de Luis Carro, undécimo a 4 puntos do Arousa, minimiza a urxencia na Senra.