O BNG reclama a uci e a ambulancia medicalizada

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Ana Pontón promete facer unha fronte común cos colectivos cidadáns para frear a reforma sanitaria

15 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, non dubidou onte en cualificar de «burla» e «ataque contra a sanidade pública» a reforma da Lei de Saúde que o Partido Popular vén de impulsar dende o Goberno da Xunta e que suporá a desaparición da área sanitaria do Salnés como tal. Fíxoo logo de manter unha reunión coa xunta de persoal do hospital comarcal e de se comprometer a facer fronte común cos colectivos cidadáns e profesionais para frear unha iniciativa que, entende a representante nacionalista, «pretende converter a sanidade pública en subsidiaria da privada».

Ana Pontón lembrou que nin o hospital ten unha unidade de coidados intensivos nin O Salnés unha ambulancia medicalizada, reivindicacións ambas nas que o Bloque leva tempo traballando. En troques, «os centros privados da contorna están facendo investimentos en ampliacións de uci, obviamente agardando derivacións dende o sistema público».

A voceira nacionalista acusa ao Goberno de Núñez Feijoo de «querer reducir o Hospital do Salnés a un ambulatorio» mentres «vota non aos centros de saúde de Vilagarcía, A Illa e O Grove, e a ampliar o cadro de persoal do hospital». «Queremos dicirlle a Feijoo que o BNG vai estar enfronte, que a defensa da sanidade pública é unha cuestión prioritaria para parar esta contrarreforma», concluíu.