Villagarcía, El Grove, Sangenjo y Rianjo gozan de boa saúde nas redes sociais

Facebook, Google Maps e a Wikipedia continúan a ignorar a toponimia oficial e empregan nomes que cheiran a alcanfor

.

vilagarcía / la voz

Son os heraldos do porvir. As prazas públicas, os foros virtuais nos que os habitantes do século XXI atopámonos, rifamos, odiamos e amamos. Nas súas fontes procuramos orientación e sabedoría. Facebook, Instagram, Google Maps, Wikipedia. O futuro resoa nos seus nomes, pero as súas prácticas cheiran a alcanfor, cando menos polo que respecta ao emprego da toponimia oficial de Galicia. O seu desleixo neste eido, do que a ría non se libra, ben merece unhas liñas.

Velaí unha presa de exemplos. Teclear na Wikipedia Vilagarcía de Arousa, Vilanova, A Illa, O Grove ou Sanxenxo ten como resultado unha remisión directa a artigos encabezados por Villagarcía de Arosa, Villanueva, Isla de Arosa, El Grove e Sangenjo. O máis curioso do caso é que a propia enciclopedia electrónica advirte de seguido, entre parénteses, que os topónimos correctos son os galegos, en ningún caso esta serie de castrapizacións que as modernísimas redes, vaia por deus, contribúen a consagrar.

A meritoria excepción de A Toxa

Tampouco lle importa demasiado a Facebook que moitos dos seus usuarios empreguen as formas correctas á hora de dar nome as súas páxinas. É o caso de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa. Se un quere localizar a agrupación, o que a rede comunica é que os voluntarios funcionan dende Villagarcía de Arosa.

Mención aparte para Google Maps, xa que nos seus mapas mestúranse falcatruadas rechamantes con acertos inesperados, sobre todo no eido da toponimia do máis miúdo. O Grove é El Grove, faltaría máis. En troques, non se albisca La Toja por ningures. A illa do glamur está perfectamente identificada como A Toxa. O mesmo sucede cos portos. Son os do Grove, A Illa, Vilanova e Vilaxoán. Os municipios e lugares que lles dan acubillo, porén, reciben os nomes deturpados. Só hai unha excepción. A saber por que razón, A Illa de Arousa, para Google, segue a ser A Illa. Ao igual que o noso mar. A ría é de Arousa, non de Arosa. A cambio, os Xidoiros Areoso e Pedregoso son, aquí, os Guidoiros.

Cabe o consolo dos parvos, que non é outro que sentirse mellor por sermos moitos nesta grande perola da toponimia do descalostre. Algúns casos doen con só ollalos. Aí están Ginzo de Limia ou Rianjo, que os do norte da ría tampouco ían ficar fóra. Para ir abrindo boca, toma Puentecesures. Tamén Caldas de Reyes, sen ir moi lonxe. Carballino, Junquera de Ambía, Puentecaldelas, Arteijo, Vivero... Vale para o conto esta reflexión que Carlos Blanco enunciara en Barrantes: si usted puede pronunciar Shakira, caballero, también puede decir Sanxenxo. Atrévanse, que non doe.

«Levamos anos pedindo ás grandes empresas que usen ben os nomes»

«Cantos máis sexamos facendo forza e protestando, mellor. A ver se así acaban facendo algo de caso e conseguimos algo». Non se rende Vicente Feijoo á hora de reivindicar que as grandes empresas de Internet empreguen ben a toponimia galega. E por iso gaba calquera reclamación que se impulse neste sentido; ao tempo que lembra que non será a primeira nin, lamenta, probablemente tampouco a última.

«Xa no 2009 ou no 2010 mandamos algunha carta, cando estabamos co proxecto de toponimia de Galicia, para que usasen os correctos; e hai dous ou tres anos reiteramos a petición desde a Real Academia Galega», remarca o experto en toponimia, que leva 17 años traballando neste campo. E avanza que non abandonará o seu empeño. «Levamos anos pedíndoo, pero non nos fan nin caso», di. E iso que non son casos illados ou pequenos concellos os que loitan co xigante. Ata o Goberno de España intercedeu neste asunto. «Eu estou nunha comisión especializada de nomes xeográficos do Ministerio de Fomento, e na reunión anual tanto vascos como cataláns coinciden en dicir o mesmo ca nós. E incluso desde o Instituto Geográfico Nacional fixeron unha advertencia [ás grandes empresas en Internet] de que deberían facer uso da toponimia oficial. Creo que é que Google é unha empresa tan grande que pasa de todo», sinala, para despois recalcar que sabe que foron moitos os concellos, colectivos e servizos de normalización os que se puxeron en contacto co xigante tecnolóxico para tratar de que os nomes de lugar que se difunden ao mundo estean correctamente escritos.

Lembra Feijoo que dende o 2003 existe un nomenclátor oficial de todos os concellos de Galicia, polo que no debería resultar tan complicado para os buscadores e as grandes empresas adaptarse á norma. E de cara ao vindeiro ano quérese ter listo un novo para poder incluír aquelas novas entidades de poboación que xurdiron neste tempo.

«A ver se para 2018 temos o nomenclátor con todas as aldeas de Galicia xeolocalizadas», avanza Vicente Feijoo, para remarcar de seguido o seu anhelo: «E a ver se Google o incorpora».

O Concello de Vilanova dirixiuse a Google, pero só para que corrixise algunhas erratas

 

m. cobas

Que se saiba, un só concello arousán se ten dirixido a unha das grandes redes sociais na procura dunha mellor información para os seus usuarios. Trátase de Vilanova. O seu alcalde, o popular Gonzalo Durán, amósase satisfeito con Google Maps, ao que considera unha excelente ferramenta. O que non evita que o seu equipo se comunicase cos seus xestores, mais non para denunciar problemas de toponimia, senón para que corrixisen certas erratas que figuran nos mapas. Afirma o rexedor que niso andan.

Non é que a xestión garanta resultados inmediatos. Na capital da Limia levan dende febreiro tentando reverter a situación. O pleno aprobou daquela instar ás grandes empresas de Internet a que usasen a toponimia oficial. «Mandámoslles unha comunicación a Facebook e Wikipedia, dicindo que Xinzo era o nome oficial; e contestaron dicindo que o corrixirían», explica o alcalde, Antonio Pérez. Como queira que non o fixeron, Pérez anuncia que teimará no asunto ata lograr desterrar Ginzo das redes. A verdade, agradécese o esforzo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Villagarcía, El Grove, Sangenjo y Rianjo gozan de boa saúde nas redes sociais