Os defuntiños ou o pan das ánimas

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os nenos da Illa saen hoxe ás rúas para pedir lambetadas e recrear un costume realmente antigo

02 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a mañá • Rúas da Illa de Arousa • Nesta sociedade estrañamente globalizada, na que os cartos e o consumo ditan o que hai que facer e o que debe abandonarse, non faltan movementos paradoxais de ida e volta, capaces de recuperar, ou cando menos de consolidar, costumes que levaban un camiño certo cara á perdición. A moda do Halloween, tradución do Samaín céltico que Estados Unidos exporta ao planeta enteiro a través da súa poderosa industria audiovisual, ofrece unha desas raras e segundas oportunidades a todo canto ten que ver coa celebración de todos os santos e os defuntos na Galicia tradicional.

É moi probable que cando os cativos acoden ao colexio coas súas cabazas talladas na man descoñezan completamente que están a recrear o que os seus bisavós xa facían cando non existían nin teléfonos nin pantallas. Hai rastros etnográficos abondo do vello costume de colocar os calacús, coas súas candeas acesas, nos cruces de camiños para alertar aos andaríns nocturnos dos perigos de atravesar as corredoiras na noite do 1 de novembro. O mesmo sucede cos defuntiños que hoxe pedirán os nenos polas rúas da Illa. Un fermoso xeito de obter lambetadas que lembra o pan das ánimas medieval e resoa nese truco ou trato que agora redescubrimos na televisión.