Cultura prosegue coas escavacións arqueolóxicas na Illa, agora nas cistas de Riasón

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

Os traballos comezaron o luns e terán unha duración de dez días. O custo é de 15.028 euros.

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As escavacións arqueolóxicas continúan na Illa de Arousa. Logo do traballo feito este verán no Areoso, a dirección xeral do Patrimonio Cultural acomete a escavación das cistas de punta Riasón. Os traballos comezaron o luns e terán unha duración de dez días. O custo é de 15.028 euros.

A actuación comprende a escavación arqueolóxica integral de tres enterramentos e a realización de sondaxes no espazo intermareal para avaliar a posible presenza de materiais ou outras estruturas arqueolóxicas. Así mesmo, realizarase unha prospección superficial intensiva, con limpeza e documentación de perfís e recollida de material arqueolóxico en superficie na liña de costa contigua ao xacemento arqueolóxico, nunha extensión mínima de seiscentos metros lineais. Ademais, faranse traballos de divulgación na comunidade local. «Mediante esta actuación procurarase recuperar toda a información arqueolóxica posible das tres cistas que se coñecen no xacemento arqueolóxico», segundo informan desde a Consellería de Cultura.

O xacemento sitúase na liña de costa, en plena zona intermareal e documentouse por primeira vez no ano 2005. «Polo que sabemos até o momento consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con pedras, de cronoloxía indeterminada, probablemente do Calcolítico ou da Idade do Bronce. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista. Todas elas sitúanse na súa integridade no dominio público marítimo-terrestre», segundo explican desde a consellería.

A erosión do mar

A súa situación provoca que o mar as cubra por completo durante a marea alta. A acción de lavado, aínda que lenta, é moi evidente en dúas delas, moito máis expostas que no 2005. As lousas que as forman son visibles nuns vinte centímetros máis, o que supón que o mar fixera desaparecer esa mesma cantidade de terreo. Tamén é máis visible a terceira cista en planta, logo de que o mar erosionase o cantil da liña da costa baixo o que se atopa parcialmente sepultada, enganden desde Patrimonio.

Se a evolución da erosión continúa, provocará a desaparición dos eventuais restos dos enterramentos que poidan existir no seu interior.