«Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala» fondea na Illa de Arousa

b. C.

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

A exposición chegou a Arousa logo de iniciar a súa andaina o pasado mes de xuño, en Combarro, e xa pasou por Cambados, O Grove e Bueu.

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 3 de outubro • Sala de exposicións do auditorio municipal da Illa • Como dixo onte o deputado de Cultura na Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, que mellor sitio que A Illa para montar esta exposición. «Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala» está composta por dezaoito maquetas de barcos, de diversos tamaños e que corresponden a diferentes tipoloxías, e trece paneis explicativos.

«Organizamos esta mostra dentro do Ano do Patrimonio da Deputación para poñer en valor a nosa tradición marítima, para manter este tesouro que temos na provincia, que aquí podemos ver en maquetas para dar a coñecer en terra todo este mundo, que ademais complementamos coa guía de embarcacións para difundir este coñecemento entre todo tipo de públicos, de todas as idades e de todos os segmentos», segundo indicou o deputado, co gallo da inauguración da mostra no auditorio da A Illa, acto ao que acudiron membros do goberno local, de Culturmar e da asociación Dorna. En «Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia» recóllense unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar, que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.

A exposición chegou a Arousa logo de iniciar a súa andaina o pasado mes de xuño, en Combarro, e xa pasou por Cambados, O Grove e Bueu.

O acto de apertura da mostra incluíu unha actividade de narración oral e música a cargo de Xurxo Souto, que fixo un percorrido polas vivencias dos mariñeiros galegos embarcados en rutas internacionais, que recolle de primeira man no seu libro «Contos do mar de Irlanda».