A festa con máis tentáculos da Arousa

A ILLA DE AROUSA

OSCAR VíFER

Non é doado xuntar dúas toneladas de cefalópodo, pero o vinte aniversario da festa ben merecen o esforzo de Dorna

29 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

1, 2 e 3 de setembro • Todo o día • Paseo do Campo (A Illa) • A Illa remata as fins de semana gastronómicas do verán con polbo. Desde xullo houbo festas a conta da navalla, dos mexillóns, da ameixa roxa e doutros produtos do mar e, con setembro, chega a Festa do Polbo. A degustación muda do Cantiño ao Campo, onde o venres ao mediodía abrirán as carpas nas que se cociña, despecha e degustan os produtos da terra. E, nestas festas, insisten desde a organización, a materia prima sae case toda da Arousa. Incluso o polbo, que tanto está a escasear este verán, o que fixo disparar os prezos. Por ese motivo houbo que subir cincuenta céntimos o prezo da ración de polbo á feira, que pasa a 9,50 euros, e, aínda así, non se cobren os custes da materia prima, segundo explican desde o Club Baloncesto Dorna.

A Illa é un caso singular. Alí deixan a organización das citas gastronómicas aos clubs deportivos para que poidan recadar fondos. Este ano xa o fixeron os de fútbol, ximnasia rítmica e piragüismo e agora tócalle ao baloncesto. Os presidentes do club e da asociación Dorna, Alfredo Padín e Salvador Allo, respectivamente, incidiron onte no mérito que teñen os socios e os deportistas que dedican toda a fin de semana a sacar adiante unhas festas que convocan a milleiros de persoas. «O sacrificio é enorme. Hai un mes que hai xente traballando para conseguir o polbo de aquí, da nosa ría», explicaba Allo.

De entrada, calculan que van servirse no Campo unhas dúas toneladas de cefalópodo. Partindo da estatística do pasado ano, o máis demandado volverá a ser o polbo á feira, seguido de polbo á prancha e o cociñado estilo Illa. Pero na carta haberá, tamén croquetas e empanada de polbo, ademais de mexillóns, navallas, viño e refrescos.

A vixésimo edición desta festa vai servir, ademais de para gozar da gastronomía tradicional, para tratar de concienciar aos veciños e aos visitantes da importancia da reciclaxe. Na Ribeira do Chazo haberá contenedores para a separación de residuos e farase tamén compostaxe para os residuos orgánicos.