Xurxo Souto: «O cosmos, o mar e o vento crearon os fermosos cons»

Ángela Precedo / R. E.

A ILLA DE AROUSA

José Manuel Casal

Xurxo Souto participa no programa "Cultura nos Cons"

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É importante conservar o patrimonio histórico que conforma as raíces da nosa terra. Concienciados disto, dende A Illa promoven durante os vindeiros días 23, 24 e 25 de agosto a iniciativa «Cultura nos Cons». Entre outras actividades, unha das máis destacadas é a Ruada polos cons, guiada polo polifacético artista galego Xurxo Souto.

-¿Cal vai ser a ruta a seguir?

-Vou percorrer os cons do norte de A Illa cos Gaiteiros de Dorna. Pasarei polos emblemáticos con de Navío, A súa laxe, Tres pés e Barbafeita.

-¿Cal é a túa función na ruta?

-A miña función, sempre con humildade, é contar historias do mar. A idea central para enfocalo é que A Illa é o centro do mar de Arousa e, dende ela, vou dar unha volta por todos os mares do mundo.

-¿Como recibiu a noticia de que ía ser o guía da ruta?

-Con moita emoción. En primeiro lugar, paréceme unha idea fermosísima nun entorno tan significativo como é A Illa, que está poñendo en valor a o seu patrimonio con esta iniciativa. Tamén lle agradezo especialmente a Carlos Blanco, que é a persoa que sempre apostou por min. Facer o percorrido cos Gaiteiros de Dorna é extraordinario; os contos tamén van deles.

-¿Cres que os cons aínda conservan algunha utilidade?

-Pode haber mellor argumento para poñer en valor os cons que o de ser un reclamo para a cultura do noso pobo? Convertir estes instrumentos de traballo nunha referencia cultural é algo que se debe admirar de A Illa, xa que noutros lugares desprézanos, derríbanos e constrúen paseos marítimos.

-¿Que teñen de especial?

-Auditorios hai moitos, pero crear un auditorio no entorno dos cons é algo único. Noutros lugares pódense contar historias, pero non teñen a marabilla desas forzas benditas da natureza que o cosmos, o mar e o vento tardaron miles de anos en crear para compartir con nós. Eso sí que é turismo de calidade: o poder presenciar tal espectáculo.