«Arousa ten potencial turístico dabondo para crear postos de traballo»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MARTINA MISER

A experta na materia salienta a importancia dun bo entendemento entre administracións públicas para facer medrar o sector

29 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xestora turística, Minia del Río leva anos traballando desde Latexos de Turismo na creación de produtos para o sector, baixo a prioridade de facer comungar a oferta coas apetencias dunha demanda cambiante en liña coas transformacións da globalización. Boa coñecedora do que fala, analiza o punto de desenvolvemento no que se atopa Arousa nun sector que vén de bater récords de viaxeiros en España e en Galicia. Con Fitur 2017 recén clausurada, e tras a polémica destapada por La Voz polos graves erros de información sobre a bisbarra na web de Turgalicia, o portal de promoción turística da Xunta.

-A praia da Concha, idónea para o surf. Fefiñáns e as ruínas de Santa Mariña, a 31 quilómetros da estación de bus máis próxima... Así llo dicía ao mundo a web de Turgalicia ata esta semana. ¿Competimos co inimigo na casa?

-Sei que ás veces é complicado ter actualizada a información. En parte pode ser culpa de Turgalicia. Pero tamén me consta que lles pide información aos concellos, e non sempre recibe resposta.

-Turgalicia, Padroado de Turismo Rías Baixas, Mancomunidade do Salnés, concellerías de turismo... ¿Todos suman na promoción turística, ou estamos ante outra mostra do minifundismo galego?

-Desde a administración estáse a vender a cooperación. A público-privada, e entre as distintas administracións. O ideal é que colaborasen todas, cuns obxectivos comúns. O importante é que haxa un bo entendemento entre elas.

-¿E haino?

-Sempre se pode facer máis. Moitas veces o turismo non é unha prioridade na toma de decisións das administracións públicas. E nas locais é onde máis se ve.

-¿A que se refire?

-Nas decisións referentes ao turismo ás veces prímanse as actividades de empresas sobre a conservación do territorio. Un exemplo, Cortegada. ¿Que número de visitantes pode aguantar? Ou a Illa, nos últimos veráns vexo un grande aumento de turistas; cun parque natural ao mellor a administración pública tería que ver se é preciso pór un límite de visitantes, como se fixo nas Cíes, para evitar problemas futuros. Salvando as distancias, como o que está a pasar en Barcelona, onde se xerou unha fobia ao turismo entre os seus cidadáns. A prima do interese económico sobre o ambiental ou social na capacidade de carga dun territorio pode ser negativa. Pero en Arousa sobran sitios aos que redirixir eses excesos de fluxos. En Arousa hai moito que facer, e que ver. Pazos, viñedos, enoturismo, gastronomía... Hai produtos que se poden desenvolver.

-¿Temos entón unha comarca sobrada de ganchos para converter os seus visitantes nunha fonte crecente do PIB?

-A nivel turístico hai potencial, e pódense crear postos de traballo en Arousa. Hai subvencións para proxectos de turismo relacionados co mar en toda Galicia. E a nivel privado, este é un territorio no que hai moito por facer. De poder facer algo diferente ao que se está a facer. Por exemplo, acábame de chegar información dun cámping arousán que vén de mercar tendas con glamping, unha nova forma de acampar con glamur. Temos que ver o que está a funcionar fóra. E en Arousa temos produtos que sendo comúns a outras partes de Galicia, resultan diferentes, como os viñedos de albariño. E por suposto, o Camiño de Santiago. Temos a Ruta Marítimo Fluvial do Mar de Arousa-Ulla, pola que se debería facer unha aposta máis forte de cara ao vindeiro Ano Santo. E logo, tirar polo turismo de natureza, mesmo de patrimonio, a través de visitas guiadas e coordinadas pola bisbarra.

«Aproveitemos a Cidade Europea do Viño para unha promoción de toda a comarca»

-¿Pode Arousa aspirar a comarca turística puxante cun transporte público como o existente?

-O transporte público é un hándicap para a nosa comarca. Unha vez que chegas a Vilagarcía en tren, primeiro xa non é doado atopar información para saber como desprazarte pola bisbarra. Hai que poñer esa información accesible, se hai ese transporte; e online. E se non o hai, que os concellos fagan por que o haxa. O exemplo témolo no Grove. Hai dous anos entenderon que no verán tiñan que pór un servizo de autobús na localidade, porque a xente non tiña como moverse por ela.

-Falando do Grove, andan preocupados polo declive da súa xoia turística, a Illa da Toxa...

-Eu fun un luns de agosto a primeira hora da mañá, e ás 11 tiven que saír dalí, porque non se podía andar. Hai masificación, e é incómodo. Deberíase restrinxir o acceso. O turismo de masas está en declive. A nova demanda é de grupos reducidos, de 15-20 persoas, que non queren masificacións. Pero hai que crear un produto acorde. E iso é responsabilidade de todos, das empresas e das administracións. Usando os datos das oficinas de información turística para saber que quere o turista que vai a elas.

-¿Sabemos aproveitar o potencial turístico das augas da nosa ría?

-Una conta pendente en xeral en Galicia son os talasos. Hai poucos, e sería unha oferta acorde ás novas tendencias da demanda e aos novos mercados. No turismo mariñeiro Cambados e A Illa están a funcionar ben a través da empresa privada. E en A Illa e en Vilanova teñen visitas guiadas, inda que niso sempre se pode facer máis.

-Cambados é este ano Cidade Europea do Viño. ¿Que poden tirar de proveito a localidade e a comarca desta oportunidade?

-Cambados xa leva desde finais do ano pasado con varios proxectos relacionados. En Cambados turismo xestionouse dunha forma correcta. Houbo investimentos importantes. A restauración da zona histórica, unha rede de museos, a oficina de turismo funciona todo o ano e dan nela formación. Cambados ten unha aposta e unha estratexia clara polo enoturismo, con visitas e con promoción. A Cidade Europea do Viño é unha oportunidade que se debe aproveitar para facer unha promoción radial de toda a contorna, con Cambados coma gancho. Creando oferta, con excursións á comarca.

-¿E Vilagarcía?

-Para xerar unha demanda hai que crear unha oferta; un produto e destino. Vilagarcía está pendente de crear produto e destino.

«Estamos a esquecer os mercados máis accesibles»

-Cos ecos de Fitur inda resoando, ¿onde convén gastar hoxe os contados recursos públicos para promoción turística dunha bisbarra de 100.000 habitantes, en grandes feiras, ou na rede?

-O que estades a comentar estes días en La Voz sobre Turgalicia é un claro exemplo. Concellos coma Vilagarcía, Vilanova ou A Illa deberían apostar máis pola promoción na web. A presenza en feiras está ben, pero cunha estratexia definida, e medindo o retorno; con presentacións innovadoras, pero reais, que non só queden na feira que sexa. E convidar a elas a xornalistas de todo o mundo, non só de Galicia. Pero se non estás presente online, non existes. Por moito que teñas un produto moi bo, se non estás na rede, o turista que está fóra non vai poder chegar ao teu produto.

-¿Sabe Arousa como quere venderse, que tipo de destino turístico quere ser?

-Desde a Mancomunidade do Salnés estívose apostando por diferentes tipos de turismo, e por diferentes mercados. Fíxose un bo traballo; boas accións, e bo material. Estase a chegar a diferentes públicos, a mercados prioritarios para O Salnés. Non nos podemos definir por un turismo concreto. Si apostar pola natureza coma forte. E pola gastronomía, polos nosos produtos diferenciados, como a ameixa de Carril, ou os albariños.

-¿Turismo internacional, nacional, interno? ¿Que lle interesa máis ao Salnés e Baixo Ulla?

-Sempre nos centramos no turismo internacional. E si. Pero para iso ten que haber unha estratexia coordinada tamén coa Xunta, e mesmo co Estado para chegar a eses mercados. E precisas unha promoción online, con bo material na rede. Hai outro turismo do que nos estamos a esquecer. O daqueles puntos cos que Arousa ten boas comunicacións. Sexa A Coruña, ou conexións cos aeroportos galegos coma Madrid ou Barcelona. Facendo promocións directas neses puntos chegariamos a un turismo máis accesible có internacional.