«Temos que sacar á xente do sofá e que fale máis entre ela»

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA

A ILLA DE AROUSA

Salvador Allo ten por diante catro anos de mandato, xunto cunha directiva de oito persoas.
Salvador Allo ten por diante catro anos de mandato, xunto cunha directiva de oito persoas. martina miser< / span>

Afeito a patronear, Salva ponse agora ao fronte dun barco con 500 socios e cun obxectivo claro: «Engraxar a maquinaria»

09 mar 2015 . Actualizado a las 21:01 h.

A Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa, unha das máis activas e representativas da bisbarra, estrea directiva. O equipo de nove persoas que preside Salvador Allo foi elixido por aclamación nunha asemblea celebrada o sábado para que manteña o rumbo deste barco durante catro anos.

-¿Cal é o seu principal obxectivo nesta etapa?

-O máis importante é conservar o número de socios. Cos tempos que corren a xente mírase moito á hora de pagar os dous euros ao mes de cuota.

-¿Hai quen deixa a asociación por 24 euros ao ano?

-Si. Hai moitas baixas naquelas cuotas que vencen en xaneiro e febreiro. Por iso pensamos polas ao cobro en dúas datas estratéxicas: en xuño e decembro. As baixas son, sobre todo, de parados e emigrados, e logo da xente que está pasándoo mal coa crise. Vinte e catro euros ao ano non é nada, aínda que lle teñas que pór a maiores 10 euros para as clases de música ou cinco euros para a vela, pero á hora de recortar, a xente vai a estas cousas. Non é que queiramos ter unha chea de cartos. A nós, con ter para gastos, chéganos. E nisto axúdanos moito o Concello, que sempre está para botar unha man.

-Fáleme dos seus proxectos.

-Sobre todo darnos a coñecer, facerse ver máis. Que a xente se dea conta de que isto funciona porque hai unha directiva detrás. O máis difícil está feito; a maquinaria está a andar e agora nós temos que engraxala.

-¿E como van facelo?

-Con máis carteis, anunciando todas as actividades... Dás por feito que todo o mundo sabe o que facemos, pero non é así.

-¿Que actividades oferta Dorna actualmente?

-Temos en marcha as actividades de todo o ano: o baloncesto, a música, o baile tradicional e o xadrez. Estamos arrancando co fútbol gaélico, xa hai equipo e estamos cos preparativos para federalo. E logo temos as dornas, preparándoo todo para navegar o 17 de maio.

-¿A escola de navegación tradicional volve no verán?

-Si, despois do 17 de maio imos para O Bao e a mediados de xuño estamos operativos.

-Sen o prometido centro náutico...

-Estamos pendentes da Deputación e do Concello, despois de que se retirara a empresa que gañou o concurso do proxecto. Sabemos que están presupostados medio millón de euros e penso que a obra pode ir adiante. Levamos reivindicando estas instalacións máis de vinte anos, nós e o piragüismo. Hai asociacións que teñen unhas condicións moito mellores para gardar os barcos no inverno, cando nós temos 50 embarcacións e 80 persoas asociadas á vela. Sen tempo non era.

-¿Que representa para vostede estar ao fronte desta Dorna con maiúsculas?

-É unha honra moi grande e unha responsabilidade enorme, e quero agradecer a confianza que puxeron en min os socios. Estamos aquí porque non había xente que a collera, para que non desaparecera, e agora hai que mirar de non facelo mal. Supoño que haberá cousas boas e malas.

-¿Desaparecer?, iso sería un golpe duro na Arousa.

-Sería penoso. Hai catro anos non aparecera ninguén para meterse na directiva e mobilizáronse os pioneiros, de 70 anos, para dicir que había que moverse.

-Dorna é unha asociación con historia, ¿mudou moito?

-Ou te adaptas ou morres. A principal diferenza quizais sexa a mobilización social. Antes había un chamamento e a xente volcábase, agora non. Debe ser a televisión o que se está moi cómodo no sofá. Hai que mirar de sacar á xente do sofá e que se poña en marcha en cousas colectivas; que a xente fale máis entre ela, cara a cara e sentindo a pel, non todo vai ser por Internet.

Salvador Allo García presidente da asociación Dorna da Illa

«Levamos 20 anos reivindicando o centro náutico. Penso que obra pode ir adiante»