Gustavo César Veloso e Ángel Sánchez quedan sen equipo pola desaparición do Tavfer

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA ¡/ LA VOZ

AROUSA

Gustavo César Veloso, dándolle instrucións a Ángel Sánchez durante a Volta a Portugal do 2022.
Gustavo César Veloso, dándolle instrucións a Ángel Sánchez durante a Volta a Portugal do 2022. JOAO FONSECA

O vilagarcián está concentrado en buscarlles saídas aos corredores. Trinta vitorias, a metade UCI, e un nome nas estradas, balance do director deportivo nos cinco anos do seu primeiro destino tras colgar a bicicleta

05 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O pelotón profesional portugués perderá o vindeiro ano o Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua. Tras nove anos como equipo continental, a saída do seu patrocinador principal, Tavfer, deixou orfos os integrantes dunha estrutura con 22 profesionais, entre corredores, mecánicos, masaxistas, técnicos e demais persoal. Entre eles, o director deportivo vilagarcián Gustavo César Veloso, o home que durante cinco anos puxo escadra no mapa internacional imprimíndolle o espírito combativo do Xacobeo Galicia no que correra na súa exitosa carreira subido a unha bicicleta; e o cambadés Ángel Sánchez Rebollido, o último dunha das grandes sagas de corredores galegos, que con 33 anos atópase a tan só dous meses para o inicio da vindeira tempada sen asento no gran pelotón.

«Sabiamos desde mediados deste ano que Tavfer non ía continuar. Tentouse atopar outro patrocinador principal, pero non se conseguiu, e Ovos Matinados e a cámara de Mortágua non deron compensado o que facía falta», conta Veloso. Nunha mostra máis da profesionalidade coa que labrou a súa sólida carreira nas estradas antes de estrearse coma director deportivo, no 2021 nada máis retirarse para asumir o proxecto con final o vindeiro 31 de decembro, o vilagarcián encaixa o duro golpe como «cousas que pasan no mundo do deporte». Con todo, non pode evitar falar dos «momentos duros» que está a vivir. No seu caso, padecendo máis por terceiros que por si mesmo. «Hai xente que se queda na rúa. O que máis me doe é iso», di. Por iso, antes de poñerse a pensar en que vai facer da súa vida, o arousán está a tirar de toda a súa axenda para tentar recolocar a cantos profesionais do Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua poida.

Máis aló do escalador luso Rafael Barbas, que pouco antes xa de consumarse a desaparición do equipo deu o salto por méritos deportivos ao Caja Rural español, de categoría profesional-continental, Veloso xa conseguiu acomodo para a metade dos seus corredores, incluídos dous dos tres galegos baixo as súas ordes: o santiagués Diego López (19 anos) e o redondelán Lois de Jesús (20); ambos os dous correrán no 2027 nun equipo galego amateur.

«Aos máis novos é máis doado conseguirlles outro destino. O máis difícil é para os puntais do equipo, porque a confirmación da desaparición do equipo cólleos con case todos os demais xa pechados». Por iso, engade Veloso, «ao final eu podo estar fastidiado, pero para quen é máis traumático é para o ciclista, que se sae do circuíto, ten máis complicado volver. Eu non dependo do meu físico para facelo».

Ángel Sánchez atópase entre os que padecen esta situación límite. O cambadés levaba sete tempadas no Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, a metade máis un dos doce anos da súa traxectoria profesional, que arrincou con cinco tempadas no W52 Quinta da Lixa, despois Porto.

«Sabíamos lo de Tavfer, pero confiábamos en que el equipo continuase, aún con recortes», conta o ciclista arousán. A día de hoxe, ve «complicada» a súa continuidade no ciclismo. «Con mi edad, 33 años, ya no soy un chavalito, y tampoco estoy dispuesto a correr sin unas condiciones mínimas» que, é consciente, resulta practicamente imposible atopar xa en Portugal ou en España. Así as cousas, Sánchez apunta ao ciclismo asiático como último tren para manterse no gran pelotón. Mentres se termina de aclarar o seu futuro, agora só pensa nas semanas de exames que comeza a encarar no ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma que vén de comezar a estudar no instituto Cotarelo Valledor de Vilagarcía.

Trinta vitorias, a metade UCI, e un nome nas estradas

A primeira preocupación de Gustavo César Veloso unha vez lle confirman a indefectible desaparición do Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua foi a de poñer a xente que traballou baixo a súa dirección a bo recaudo. «Ao final eramos como unha familia. Pasas moitas horas xuntos, fas unha piña, xestionas emocións, traballo, problemas...» nun proxecto «diferente aos dos demais, máis familiar». E é por iso que o segundo que lle sae de dentro ao vilagarcián é facer público o seu «agradecemento á familia, propietarios e integrantes de todos os chanzos do equipo: «Sempre os vou gardar no meu corazón. Empecei co que sabía como corredor e con eles aprendín todo o demais para exercer de director, de toda a xente do equipo, masaxistas, mecánicos, médico, administrativo, a responsable de prensa. Non é doado xestionar unha estrutura de máis de 20 persoas». Un volume de persoal que «xa é unha empresa» a nivel de consumo de recursos, cun orzamento mínimo necesario para poder saír a competir como escadra continental, o terceiro e último rango do pelotón profesional mundial, duns 600.000 euros, explica Veloso. A perda do patrocinador principal sen un recambio co mesmo nivel de compromiso económico facía imposible darlle continuidade ao proxecto.

Moitas son as razón que deixa tras de si o traballo de Veloso para se sentir satisfeito. A parte humana, que como volve demostrar, sempre leva por diante e ata o final. E a profesional. Cuns brillantes resultados, encabezados por 30 vitorias, delas, 16 de categoría UCI; pero sobre todo, salienta o vilagarcián, co seu equipo «deixando a súa maior pegada como o equipo portugués que máis saíu a correr fóra do país», ata o punto de cruzar o Atlántico dúas veces para disputar a Vuelta a Venezuela», batallando sempre, facendo do poderío dos seus velocistas a súa maior baza gañadora. E como guinda, no canto do cisne do Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, «conseguimos pasar a un rapaz que trouxemos con nós de xuvenil e que formamos aquí a un equipo profesional-continental», en referencia a Rafael Barbas. Un corredor, que desvela Veloso, «promocionamos coidando que puidera compaxinar os seus estudos de Medicina co ciclismo, adaptando o seu calendario. Como dixen, eramos unha pequena familia», sinala o director deportivo vilagarcián. 

Aberto a máis clientes

«Sinceramente, inda non me puxen a buscar para min», confesa Gustavo. Con contrato e soldo ata final de ano no equipo luso en desaparición, o vilagarcián segue «facendo plans de adestramento individuais» para ciclistas que lle pagan por eles. «Agora tentarei coller máis clientes», di. Unha solución que confía sexa tan só temporal, mentres remata o traballo de recolocación dos seus para comezar a buscar a súa propia.