O español máis rápido na última Maratón de Berlín fala galego con acento do Grove

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Yago González Mourelos, durante un dos seus adestramentos en Pontevedra.
Yago González Mourelos, durante un dos seus adestramentos en Pontevedra. Ramón Leiro

Con tan só 23 anos e dous correndo, Yago González quere triunfar na distancia raíña tras poñerse nas mans do preparador pontevedrés Víctor Riobó

02 nov 2026 . Actualizado a las 07:17 h.

No mundo do deporte, ser o primeiro na táboa de resultados é sinónimo de traballo ben feito. A partir de aí, as circunstancias que rodean o éxito multiplican moitas veces o seu mérito. No caso de Yago González Mourelos, atopamos cando menos dous condicionantes que fan deste mozo do Grove unha rara avis que convén non perder de vista no ceo do atletismo. Cunha experiencia extremadamente xusta na disciplina, con tan só 23 anos nas pernas e na cabeza, foi quen de rematar, o pasado martes hai un mes, no posto 74 do Maratón de Berlín, unha das seis grandes citas sobre a distancia bimilenaria dos 42,195 quilómetros. Ningún outro español chegou antes ca el á meta baixo a icónica Porta de Brandeburgo.

A historia de Yago González é a dun rapaz que decidiu botar a correr en sentido contrario á inercia da súa vida, para non deixar desde entón de calzar unhas zapatillas todos os días. «Desde pequeniño xoguei ao fútbol, no Portonovo e no Amanecer. Ao chegar a sénior aburríame un pouco. No fútbol base estaba cos amigos, xogabamos para divertirnos; pero ao chegar aos maiores, non me gustaba a forma de competir» e por iso, o grovense, mediocentro na Primeira Futgal, decidiu colgar as botas en febreiro do 2024 con 21 anos cumpridos no mesmo mes.

«Eu era bastante vago, non me gustaba correr; as pretempadas co equipo non me gustaban», pero «o que sempre me gustou é o deporte», di Yago. Con ese cóctel de contradicións no corpo, atopouse correndo pola súa conta. E contra todo prognóstico, aí segue: «Saín un día por probar. Chovía e ventaba, non me gustou. Pero á semana seguinte saín de novo un par de días». E en abril viuse na Vig Bay de Vigo; rematouna en 1.26.58, recorda. Ao mes seguinte meteulles ás pernas a súa segunda media maratón, a Entre Rías, que une Sanxenxo e O Grove; «sei que foi 1.17 ou 1.18, e que quedei entre os vinte primeiros», apunta o arousán. Na súa cabeza comezou a perfilarse entón un obxectivo: correr a Maratón de Sevilla do ano seguinte. Despois da Entre Rías «busquei un adestrador, e déronme o contacto de Víctor Riobó. Non sabía nin quen era», confesa. 

En mans dun profesional

O no seu día un dos mellores mediofondistas galegos, dedicado hoxe a preparar novos atletas e á organización de eventos, non só acolleu a González no seu grupo de adestramento. Deulle ademais un traballo de dependente na súa tenda de calzado deportivo en Pontevedra, que o grovense compatibiliza cos seus estudos a distancia de Técnico Superior de Acondicionamento Físico de FP tras obter antes o de Dietética.

En xuño do 2024 comezou a traballar co grupo de Riobó. Cun plan de traballo estruturado, Yago comezou a acudir a carreiras populares, de 8 a 12 quilómetros. E 14 semanas antes da Maratón de Sevilla, programada para o 23 de febreiro do 2025, comezou a súa preparación específica. Chegado o día, «saíu bastante segundo o que buscabamos». Cun tempo de 2:34:21, o arousán rematou no posto 211. «A experiencia gustoume moito. É a distancia que máis me gusta. Prefíroa a un 5.000, no que botas quince minutos, pero o pasas moito peor; no maratón botas máis tempo, pero o sufrimento é máis leve», sostén o atleta do Miler Running Club. A partir de aí, encadeou carreiras populares, cos seus primeiros triunfos, alternando con algunha media maratón.

Tocaba redactar a folla de ruta para o 2026. E a Maratón de Berlín, a máis rápida do mundo, foi o punto final escollido nun calendario con dous pasos intermedios. Na 10K de Valencia, lembra Yago, «fixen marca, 31.38, que naquel momento me soubo a gloria, e que agora me avergoña vendo o que fixen despois en Berlín». Despois estreouse na pista, no Campionato Galego de 5.000. Foi quinto en 15.18. «A preparación non foi a ideal, fíxeno por ter un obxectivo a medio prazo na tempada», e permitiulle coñecer a proba á que se aplican os seus compañeiros de adestramento con Riobó, ningún enfocado a maratón. E 14 semanas antes de Berlín, o gran cambio de chip. Dos preto de 100 quilómetros á semana de rodaxe pasou a 145-150. «Notei unha melloría. Sobre todo que estaba moito máis centrado», recorda.

Co traballo feito, e recollido o xoves o dorsal, Yago dedicouse ata o domingo da proba a facer turismo por Berlín. Todo ben ata que o arousán, que viñera coa súa parella e cuns amigos, tivo que pasar as últimas horas co temor a non poder correr finalmente vendo a un dos seus colegas, que tamén ía participar na proba, caer enfermo de covid-19.

Descartada a doenza, o domingo ás oito da mañá estaba onde levaba meses querendo verse. Do peor momento que recorda de toda a experiencia, botar 40 minutos parado e apertado no caixón de saída, a desfrutar como nunca na vida. «Do percorrido non me acordo de nada, pero a experiencia da carreira foi moi bonita», inda cos seus extremos, di Yago. «Do quilómetro 1 ao 25 desfrutei moito, porque iamos en grupo coa atleta que quería bater o récord feminino axudada dunhas lebres. No 25 vin que o grupo reducía a marcha —a postulante ao récord non tardou en abandonar—». De aí ao final, recoñece, tocoulle sufrir, pero vaia se pagou a pena. «Pasei a metade da maratón no posto 120 e acabei no 74. Eu ía mal, pero outros peor». 

Mirando ao futuro

Yago sabía que en Berlín non había ningún maratoniano español da elite, pero se confesa sorprendido polo impacto de ter sido o primeiro compatriota na liña de meta, felicitado por todo o mundo á súa volta ao Grove.

«Para min o mérito foi o adestramento, eses catro meses de traballo detrás. Gústame máis adestrar ca competir, coma no fútbol; niso son un pouco raro», declara. Non resulta nada estraño pois que aos seus 23 anos o grovense adiante que «a partir dos 2028 ou 2029 quero centrarme no maratón». Antes, sabendo que os especialistas non acadan o seu máximo potencial ata a trintena, quere pulir o seu fondo e a súa técnica en populares para acertar co ritmo: «Non sei ata onde podo chegar. É o que quero comprobar. Oxalá sexa lonxe, pero hai que traballalo».