As de Adrián Pumar superaron 18-27 o Perdoma Tenerife
13 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Unha das grandes peaxes que aparella a participación dun club modesto como o Asmubal Meaño na División Honor Plata Femenina, o terceiro chanzo do balonmán español, é o encasillamento dos equipos galegos no mesmo grupo cos canarios, co conseguinte desgaste físico e económico. Este curso, co agravante de contar con catro conxuntos insulares en competición. O cadro que dirixe Adrián Pumar solventou este domingo con nota o seu primeiro desprazamento ás illas africanas, cun triunfo por 18-27 sobre o Balonmano Perdoma Tenerife.
Durante toda a semana o adestrador do Asmubal Meaño mentalizou as súas xogadoras de facer un traballo defensivo impecable sobre o que poder transicionar con rapidez e explotar o gran punto feble do seu rival de turno: o seu balance defensivo. As de Adrián Pumar trasladaron a teoría á práctica nun inicio de partido que lles permitiu máis ca dobrar o Perdoma no ecuador da primeira metade, 3-8. Só a relaxación galega nos últimos minutos previos ao paso intermedio por vestiarios e a motivación local por xogar en campo propio mantiveron vivo o choque ao descanso, 9-12.
Non tivo problema o Asmubal Meaño para manter un cómodo colchón ata que, a falta de dez minutos para a conclusión do encontro, lle puido dar o golpe de graza ao seu rival, volvendo poder correr a cancha para anotar con facilidade en rápidas transicións defensa-ataque, coas que situou o marcador en 15-25 a falta de cinco minutos para o final.
Pendente inda da reincorporación das súas dúas grandes baixas a tempada pasada, Eli Méndez e Cárol Ferreira, na fase final de readaptación física, o Asmubal sumou os seus primeiros 2 puntos na segunda xornada de Liga.
FICHA DO PARTIDO:
BALONMANO PERDOMA TENERIFE (18): Verónica Trujillo (1), Alba Candelaria Casañas (1), Marina Domínguez, María Candelaria Rodríguez, Paula Hernández (3), Nayara Armas (3) y Elvira Luis (3) —septeto titular—, Ariana González, Aroa Díaz (2), Ángela Pacheco (1) e Daniel Alonso (4).
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Irene Ríos, Claudia Vera (1), Sabela Miniño (4), Luna Otero (1), Raquel Muñiz (5), Agustina Ballada (2) y Goretti Carballal (1) —septeto titular?; Lorena Ligero, Leire Brun (4), Alba Domínguez (1), Laura Miniño (5), Vanesa Domínguez (1), Shaila (2) e Alba del Valle.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 3-6, 3-8, 6-10, 8-11, 9-12 (descanso); 9-13, 11-15, 14-17, 15-25 e 18-27 (final).
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Rafael e Álvaro Montes Cano. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Paula Hernández (minutos 17.38 e 30.54) e Aroa Díaz (26.02); e as visitantes Raquel Muñiz (minutos 18.38 e 33.43), Agustina Ballada (22.38) e Alba Domínguez (29.08).