A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, reforzará a base da escolleira do embarcadoiro de Santa Cristina, en Campaña, para garantir a seguridade dos usuarios. Así llo trasladou este luns a presidenta do ente público, Natalia Botana, ao alcalde da vila, José María Bello (PP), nunha reunión na sede do organismo portuario á que tamén asistiu a concelleira do grupo de goberno Carmen Gómez.
Durante o encontro, os representantes da Xunta e do Concello analizaron a proposta técnica para calzar o borde litoral anexo ao embarcadoiro construído no ano 2021, de xeito que se minimicen os riscos para as persoas usuarias desta instalación. A actuación que se vai desenvolver dará cumprimento, explican dende o consistorio, ás medidas de protección da vexetación indicadas pola Consellería de Medio Ambiente.
Dende o Concello sinalaron tamén que Portos de Galicia e a propia Administración local asinarán un convenio de colaboración para desenvolver estes traballos. Ademais, o Concello encargarase de confirmar con Costas do Estado a vixencia da autorización preceptiva outorgada para esta actuación.