Sesenta mulleres navegaron no Ulla en barco dragón da man da Asociación Galega de Linfedema e o Náutico Pontecesures

La Voz PONTECESURES / LA VOZ

AROUSA

Embarcacións nas que as mulleres participaron na segunda Ruta Fluvial Dragon Boat polo río Ulla
Embarcacións nas que as mulleres participaron na segunda Ruta Fluvial Dragon Boat polo río Ulla

A travesía, na mañá do pasado domingo,  aunou deporte, saúde e solidariedade

23 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Galega de Linfedema (AGL) e o Club Náutico Pontecesures convocaron o pasado domingo a segunda edición da Ruta Fluvial Dragon Boat polo río Ulla. Unha iniciativa coa que as dúas entidades buscan visibilizar a loita contra o linfedema e presentar o deporte como unha ferramenta que axude á recuperación das persoas que padecen a enfermidade, concretamente, practicando unha modalidade do piragüismo milenaria na China. Repartidas en catro embarcacións, 60 mulleres chegadas de diferentes puntos de Galicia enroláronse na xornada de conviviencia na que confluíron o deporte, a saúde e a solidariedade entre as participantes.

Baixo o lema Padexamos xuntas pola vida, as tripulacións gozaron dunha experiencia nunha contorna natural privilexiada, acompañada nesta ocasión dunhas condicións meteorolóxicas perfectas, cun día soleado e unha temperatura agradable ao facerse a actividade en xornada de mañá. 

Ao termo da travesía, as mulleres e os integrantes da organización compartiron un momento de convivencia arredor dun chocolate quente acompañado de diferentes doces, poñendo o broche a un día marcado pola unión das reunidas.

A Asociación Galega de Linfedema e o Club Náutico Pontecesures agradecéronlles a súa colaboración á Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, ao Xacobeo 2027, ao Concello de Pontecesures e a todas as persoas e demais entidades que puxeron o seu gran de area para facer posible a celebración da segunda edición da Ruta Fluvial Dragon Boat polo río Ulla.