Patricia Buxán gaña o premio de tradución Plácido Castro cunha obra de Virginia Woolf

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Patricia Buxán, á esquerda da imaxe, presentou hai dous anos en Vilagarcía o seu libro «AS bicicletas si son para Galicia»
Patricia Buxán, á esquerda da imaxe, presentou hai dous anos en Vilagarcía o seu libro «AS bicicletas si son para Galicia» Martina Miser

O xurado salienta a riqueza lingüística do seu traballo sobre «Un cuarto propio» para a editorial Aira

20 sep 2026 . Actualizado a las 20:14 h.

Ligado a Vilagarcía, Cambados e o conxunto do Salnés, Plácido Castro foi o máis internacional dos intelectuais que ergueron en Galicia a Xeración Nós. Cada ano, a fundación consagrada a difundir o seu legado concede un premio co que procura subliñar a calidade da traducións de obras clásicas da literatura universal, contribuíndo á normalización da lingua do país e enriquecendo o universo literario galego. Desta volta, o xurado decidiu outorgar a vixésimo cuarta edición do galardón a Patricia Buxán Outeiro pola obra Un cuarto propio, de Virginia Woolf, publicada pola editorial Aira.

O xurado salientou a forma na que a tradutora recreou as peculiaridades da escrita da autora, a riqueza lingüística que empregou e o ritmo conseguido. «Cómpre destacar tamén que soubo trasladar o estilo ensaístico-literario da obra orixinal ao galego, cunha escolla léxica e sintáctica axeitada», indican os seus membros, quen por último subliñan o excelente traballo de documentación que cristaliza nunha versión de especial relevancia para o público lector galego, «polo feito de tratar temas de enorme vixencia».

A entrega, en Corcubión

A entrega do premio, dotado cun diploma, unha peza escultórica deseñada por Xaquín Chaves e unha achega económica de tres mil euros, terá lugar o sábado, 17 de outubro, na Casa do Concello de Corcubión.