O BNG insta a Ravella a xestionar de forma directa o Plan Madruga e aliviar a carga das asociacións de nais e pais
AROUSA
Os nacionalistas considerean que a achega de cen euros mensuais, que se pagan a curso vencido, é insuficiente e comprometedora para as ANPA
15 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Bloque Nacionalista Galego defenderá no pleno deste mes que sexa o Concello de Vilagarcía o que asuma de xeito directo o Plan Madruga, que cada mañá facilita a conciliación nos centros escolares, permitindo que os pequenos poidan recibir atención neles antes do seu horario de apertura. Segundo o grupo nacionalista, o sistema que actualmente está en vigor non só e insuficiente, senón que, ademais, «leva anos xerando problemas ás asociacións de pais e nais, que veñen reclamando un maior compromiso» de parte da institución municipal.
O BNG lembra que o Concello está a conceder unha subvención de cen euros mensuais para contribuír ao financiamento do servizo. Eses cartos «se aboan sempre unha vez rematado o curso escolar, obrigando ás ANPA a adiantar durante meses os recursos necesarios» para soster unha prestación fundamental para centos de familias vilagarciás. Así, os nacionalistas subliñan que a achega correspondente ao curso 2024-2025 non foi satisfeita ata o 29 de xaneiro do 2026, «poñendo contra as cordas a moitas ANPA.
Pola contra, o Bloque defende un modelo directo, «seguindo o exemplo de moitos outros concellos galegos», nos que é a Administración municipal a que organiza e xestiona o Plan Madruga, «garantindo unha maior estabilidade do servizo, eliminando as tensións económicas que sofren as asociacións de nais e pais, reducindo a carga administrativa e ofrecendo unha mellor atención ás familias e ao alumnado».
Para a formación nacionalista, o facilitar a conciliación da vida laboral e familiar non pode depender do esforzo voluntario das ANPA nin da súa capacidade para adiantar cartos durante meses: «Merecen deixar de ser tratadas como unha solución de conveniencia para agochar a inacción do goberno municipal», conclúe o BNG.