Dos negros polas corredoiras

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Nos últimos catro anos os traballadores autónomos estranxeiros incrementáronse nuns 132.000, mentres os españois descenderon en oito mil

13 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora vense acotío negros polas corredoiras —xa en Airbag (1997, J. Bajo Ulloa) aparecía un lehendakari de cor— e hoxe en día temos normalizado escoitar a diario a negros políticos a clamaren contra a súa orixe. Non debería parecernos raro porque tamén é normal que brancos discutan entre si. É obvio que as ideas non teñen que ver coas razas. En todo caso, cousas veredes, frase posta falsamente na boca de don Quixote que parece ser que vén do Cantar do Cid cando Afonso VI dixo a Rodrigo Díaz, que tanto asediaba árabes como cristiáns: «Cosas tenedes, Cid, que farán fablar las piedras». Nestes días, a política anda tola coa entrada en Ceuta duns oitenta mil mozos e nenos mouros e negros —con indumentaria occidental— que, con conivencias políticas ou sen elas, traspasaron a fronteira pola forza e os que non se foron aínda piden asilo ou residencia, mentres ocupan —son xente, non espíritos— praias, espazos públicos e disque meten medo á xente de ben, incluíndo a mouros españois que visten ao xeito árabe. A oposición política ao Goberno Central aproveita este feito dun xeito apocalíptico cunha doutrina que se resume naquel «Santiago y cierra España», da mal chamada Reconquista.

Agora as Administracións públicas están obrigadas pola Lei Orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España. É unha lei do máximo rango no ordenamento xurídico español. Foi aprobada no mandato de José María Aznar e reformada durante os de José Luís Rodríguez Zapatero e Pedro Sánchez, para adaptala á normativa internacional, mantendo os mesmos principios. Vivimos nun Estado democrático e convén lembrar que no propio preámbulo da Constitución, artigo 9, dise que os gobernos quedan suxeitos ao ordenamento xurídico e están garantidos o principio de legalidade e a seguridade xurídica e prohibida a arbitrariedade dos poderes públicos. Así que a Administración ten que actuar como manda a lei con esa mocidade que traspasou as fronteiras ilegalmente: atendéndoa persoa a persoa. Quédalle traballo. No mundo occidental ata os xa condenados teñen dereitos humanos. A cuestión dos emigrantes tráenos á memoria o éxodo galego. Na emigración a América a nosa xente, sen formación, pobre por culpa do abandono do Estado español, chegaba a Bos Aires, A Habana ou Río e era internada, amoreada, en centros que os atendían, identificaban e, nalgúns casos, curábanos antes de distribuílos. Convén mencionar que na Constitución de 1853 Arxentina outorgaba igualdade de dereitos a nativos e estranxeiros que desexasen asentarse alá en busca de oportunidades. Cando a ruta de saída foi rumbo Europa mantívose a emigración regular e a ilegal —bastaba coller o tren—. Nuns e noutros destinos os galegos foron man de obra para traballos que ningún nacional quería. Poucos trunfaron social ou economicamente, moitos morreron escravos, a maioría inmensa nunca pasou de obreiro guiadiño e algúns, despois de enriquecer países alleos cunha vida de traballo, como logro máximo foron quen de facer casa por aquí e percibir unha pensión para volveren sen vergonza. Hoxe —un cambio de ciclo— chegan a estas terras orixinarios de países que foron receptores. Nos últimos catro anos, son datos de UPTA, os traballadores autónomos estranxeiros incrementáronse nuns 132.000, mentres os españois descenderon en oito mil. Temos setenta e dous mil chinos no RETA, cincuenta e cinco mil dacios, trinta e catro mil marroquís, vinte e catro mil colombianos, vinte mil venezolanos, dezasete mil ucraínos e hai que engadirlle os traballadores por conta allea. Os galegos choraban nas despedidas ao embarcar nun transatlántico. Sabíase que non ían de troula. A estes negros que topamos polas corredoiras pasoulles o mesmo. Seguro que queren retornar e faceren unha casa. E si, tamén terán unha pensión pero o excedente da súa forza de traballo quedará aquí.