Vilagarcía aborda ese xoves nunha xornada unha realidade que unha investigación revela «devastadora» en Galicia e no norte de Portugal
09 sep 2026 . Actualizado a las 12:48 h.Un vello estigma escurece socialmente, mesmo á hora de procurar explicacións, canto ten que ver coa morte por suicidio. Un problema de primeira orde no que múltiples factores conflúen para debuxar unha realidade que en Galicia resulta «devastadora». O cualificativo pertence a Paula Frieiro, doutora, profesora e investigadora da Universidade de Vigo, que impulsa en Vilagarcía a primeira Xornada de Prevención da Conduta Suicida. Un intento de análise e comprensión que se desenvolverá este xoves, no Salón García, a partir das sete e media da tarde. Xunta ela tomarán a palabra Mónica Gundín, traballadora social sanitaria do Servizo Galego de Saúde e instrutora do programa YAM (siglas, en inglés, de Xuventude Consciente da Saúde Mental) e José Eduardo Rodríguez, psicólogo clínico da Unidade de Prevención do Suicidio en Vigo.
Durante seis anos, a doutora Frieiro integrou un grupo de investigación sobre as tendencias suicidas entre a poboación moza de Galicia e o norte de Portugal. O seu traballo achegouse a un milleiro de persoas, con seiscentas enquisas a esta banda da fronteira e outras catrocentas alén dela. «Os datos indican que un de cada cinco mozos manifesta algún tipo de conduta suicida», que cando chega a evidenciarse con claridade leva a un de cada tres a consumar esas intencións. Velaí o carácter devastador que adquiren as conclusións do estudo. A taxa de suicidio en Galicia sitúase nun 11.37 por cen mil habitantes, moi por riba tanto do 7,7 que promedia España coma do 9,2 que amosa o conxunto do planeta.
«Temos que saber como falar, procurando o efecto Papáxeno [a promoción de modelos de superación deste tipo de condutas, capaces de xerar e transmitir confianza e, ao cabo, de funcionar como factores preventivos] fronte o efecto Werther [o tratamento sensacionalista dos feitos que pode conducir a un incremento dos suicidios por imitación], o non dar ideas que acaban sendo unha arma de dobre fío», explica a investigadora.
O seu traballo tenta ir máis aló das explicacións baseadas en depresións ou estados baixos de ánimo para introducir variables sociodemográficas; o xeito no que poden influír a orientación sexual, a orixe inmigrante ou o xénero. Cando, tradicionalmente, os casos de suicidios consumados amosaban unha incidencia maior entre a poboación masculina, «na mocidade tende a igualarse e a ideación mesmo chega a ser superior entre as mozas».
Os vínculos directos, as relacións familiares e, por suposto, recursos coma o número de teléfono 024, a liña de esperanza. e os programas de saúde mental son fundamentais. Neste senso, os especialistas botan en falla na rede pública galega un reforzo de psicólogos clínicos focalizados en condutas suicidas.
No Salón García. O Concello de Vilagarcía organiza a xornada sobre conduta suicida. A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, e a súa coordinadora, Íria Camba, acompañaron á doutora Frieiro na súa presentación.