Lino Silva, un polímata cambadés

xaquín chaves

AROUSA

«Autorretrato»
«Autorretrato» LINO SILVA

A un día do segundo cabodano de Marcelino Silva Núñez

30 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Lino foi moi coñecido, apreciado e valorado tanto como persoa como por artista, sendo a pintura e a poesía as dúas disciplinas nas que máis e mellor se expresou. Lino, que era como todos o chamabamos, comentaba que practicamente nacera cun pincel na man. Creo pensar que pintar, para el, non era unha afección máis, senón que o que acontecía era que estaba predestinado a ser un artista. E como para ser artista precisas de moita personalidade, pois xa está. Porque diso, el, xusto el, andaba sobrado; xenio e figura que sempre adornaba con bonhomía e proximidade no trato cos demais.

O seu aspecto físico asemellábase ao dos pintores impresionistas franceses, e en particular a Cézanne, a quen admiraba e co que compartiu o gusto polos autorretratos e a pintura a plein-air. A Lino, cando novo, era fácil velo pasar co cabalete e demais trebellos a pintar ao Monte da Pastora, en Cambados. Unha imaxe que ben podería cristalizar nun elemento escultórico que o lembrase nese entorno tan importante para a súa pintura.

A súa complexidade

Ao escomezar a escribir este artigo, axiña me decatei da súa complexidade, xa que o personaxe ten moitas capas, e ás veces sentes que te asolagan e descolocan. Valas degrañando e xa aparecen outra capa e outro Lino. Vaise repetindo esta cuestión e vai amosándose un autor moi poliédrico, visualizándose tódalas súas facianas creativas e rexistros pictóricos. Tamén aparece solapado un trazo do seu carácter. Falo dun certo hermetismo que xa salientou Héctor Quintela na presentación dun catálogo comentando «que era un descoñecido, que non o coñecía ninguén, que non era doado dar con el». Tamén Alvite, o xornalista santiagués, recalaba no mesmo tema ao escribir que «era difícil intimar con el». Para os que o coñecían máis penso que non había nada que entender. Era moi doado. Lino era Lino e considero que era portador dunha gran sensibilidade, aínda que nel tamén percibías un halo de algo que se che escapaba. Unha complexidade difícil de acotar.

Unha presenza-ausencia é como sigue agora, que non está —PRESENZAUSENCIA—. A súa obra, presente. O seu coñecemento pictórico, presente. As súas pinturas, colgadas en moitísimas casas, repartidas coma unha lotería premiada, presentes. As súas famosas anécdotas, presentes. O que lle quedou no seu fardel artístico, ausente…

Lino Silva, Mo de Cambados, amosa unha extensa e moi variada produción pictórica en todas as técnicas posíbeis: óleo, acrílico, acuarela, tinta, spray, técnicas mixtas, collages… E tamén sobre todo tipo de soportes: lenzo, papel, cartóns, madeira, caixas de puros, polas que tiña bastante debilidade. O tipo de persoas como el sempre che parece que levan aí toda a vida e que son inmortais, mais de súpeto xa non están. Tardas en reaccionar á súa ausencia e comezas a te decatar de que son imposíbeis de substituír. Son únicos e o mundo empequenécese cando desaparecen porque son Mestres que articulan belezas novas e o corazón se te encolle.

Lino comentou nalgunha entrevista que, en canto á pintura, era «voluble» e Shi-Tao, pintor chinés, dicía «que non sabía se era dalgunha escola ou se a escola era el». Estas dúas aseveracións póñenme no camiño de comprender o autor cambadés, que sempre foi totalmente libre, pintaba o que lle petaba como e cando lle petaba, cun certo automatismo que tamén usaba na escrita. As súas exposicións adoitaban ser diferentes unhas das outras. O seu coñecemento da pintura era amplo e profundo. Por iso aquilo de voluble, supoño.

Cada exposición de Lino desconcertaba un pouco. Esperabas unha cousa e topabas outra, eran como un caramelo do cal non sabías o sabor. Sorprendíate xerando un xogo entre o autor e o público. Sempre underground e camaleónico.

Variacións dos clásicos

A primeira obra que coñecín de Lino foi unha interpretación da Fragua de Vulcano de Velázquez a finais dos anos 70, nunha Bienal de Pontevedra onde coincidimos participando. Estas variacións sobre clásicos son unha constante na súa traxectoria, O Greco, Frans Hals, a Gioconda de Leonardo, Rembrandt, Francis Bacon, Solana, Raoul Dufy, James Ensor, temas todos eles sempre mesturados con outros moi propios del, como son as escenografías dos transmundos carnavalescos que tanto o caracterizan. Unha das series mais interesantes de Lino foi a dos Cristos, pintados en técnica mixta sobre cartón, expresionismo en estado puro, moitos deles realizados en gran formato. Unhas obras dramáticas e impactantes.

Tamén as escenas de tabernas e furanchos, cos seus personaxes retratados en claroscuros, pasaron a pousarse nos seus lenzos. E tamén quedan os retratos institucionais e as imaxes enxebristas e formidables paisaxes do Muíño da Seca ou da Igrexa de Santa Mariña D'Ozo. Por dicilo dalgunha maneira, un pintor infatigábel cunhas obras ás veces pantasmais e grotescas, e noutras ocasións refinadísimas e dun certo clasicismo.

«Un pintor de cuna»... e de moita enxundia que agora transita polo Olimpo Salnesián.

O artista cambadés, retratado no 2010 con moito dunha súa exposición en Pazo Torrado
O artista cambadés, retratado no 2010 con moito dunha súa exposición en Pazo Torrado MONICA IRAGO

Un poeta de fonda perspicacia

Lino Silva, como todo cambadés, era listo e pícaro, e nos poemas que escribiu nunha ducia de libros amosou a súa fonda perspicacia no que respectaba ás cuestións humanas, o fatum e o existencialismo, con todas as súas consecuencias e sen ningún miramento.

«Fuga deseada»

Huiré de mi casa

y dejaré una ventana abierta

para que vuelvan los fantasmas

de los insectos.

Que despeguen los papeles,

y después salga la luna

a sonreírme descalza.

Huiré de mi casa

y dejaré una ventana abierta

para que vuelen las herramientas

de trabajo detrás de mí...

(Poema de Lino Silva)

PDT. No Rexurdimento, en Italia dicíase que «o que non está escrito non existe». Un bo costume para non esquecer a importancia de Lino como referencia para moitos pintores do mundo artístico e cultural do Salnés. E para reivindicar a necesidade de pór en valor, tanto pictórica como poética, unha obra de grande calidade e riqueza.

Xaquín Chaves, pintor. Vilagarcía de Arousa, a 30 de agosto do 2026.