O Camiño de Santiago deixou de ser percorrido por peregrinos que querían evitar o Purgatorio e pasou a ser ocupado por turistas
16 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os anos xubilares veñen de vello: tempos bíblicos e a Roma antiga. Coa institucionalización do cristianismo empezaron por seren unha reconciliación coa divindade outorgada polos bispos nos Xoves Santos, aos que se declarasen penitentes en asemblea; despois, con orixe nos mosteiros celtas, xa se concedeu mediante confesión segreda. Impoñíase unha penitencia segundo a gravidade do pecado: xaxúns, rezos, mortificacións, pagos ou privación de relacións sexuais. No século XI apareceron as indulxencias, ata para faltas non cometidas. No século seguinte xurdiu a idea do Purgatorio —que disque San Bernardo visitou brevemente— como destino de expiación deses pecados e que viña sendo un lugar para os que non foran bos nin malos —medius qui est bonorum et malorum—, que tiña dous, digamos, apartamentos: un dos mediocriter bonorum e outro dos mediocriter malorum. Chegado o XIII, en Compostela adoptaron a idea das indulxencias en proporción ás ofrendas que achegase o peregrino. Tres séculos mais tarde publicáronse as que concedía a Igrexa compostelá, que podían ir desde o perdón dun terzo ata a totalidade dos pecados ou indulxencia plenaria; tiña tramos, como as amnistías. Ese perdón diminuía ou eliminaba o tempo de Purgatorio. Os anos xubilares concedíaos o Papa, pero o compostelán non foi concesión dun Pontífice senón unha falsificación dunha bula elaborada no propio Santiago xa andado o século XVI; aínda que foi confirmada despois por un Papa. Dicía esa mendaz bula Regis aeterni que se outorgaba «o mesmo xubileo do mesmo xeito e forma que o posuído pola Igrexa romana». Os falsificadores esqueceron que nin no século XII de Calixto II, —suposto concedente da bula—, nin no XIII existía aínda o xubileo romano. A realidade foi que desde aquela, crentes, pecadores ou por pecar, de toda Europa acudiron por mar e terra a Santiago na busca da perdonança. Os Reis Católicos mandaron construír o Hospital Real —hoxe Parador— con 700 camas onde descansaban enfermos e pobres.
Dando un salto no tempo, en 1926 o Patronato Nacional de Turismo publicou por primeira vez un cartel turístico e o réxime de Franco promoveu as peregrinacións nos anos xubilares: En 1943 chegaron 100.000, no 1948, 166.000 e xa no 1954, 225.000 peregrinos. Unha figura fundamental foi Elías Valiña Sampedro, o cura do Cebreiro (1929-1989) que restaurou o Cebreiro, sinalizou o Camiño Francés —frechas amarelas— e publicou diversas obras. En 1965 construíuse o aeroporto de Santiago para ese ano xubilar e viñeron xa dous millóns e medio de turistas. Transformouse todo: de peregrinos que querían evitar o Purgatorio a turistas. Juan Pablo II no 1982 fixo unha apelación mundial para que se visitase Santiago. O lugués Vázquez Portomeñe no 1993, goberno de Manuel Fraga, iniciou un forte apoio institucional e foise cambiando a denominación Ano Santo por Xacobeo, ata transformarse nun atractivo turístico mundial. A Administración segue a facer campañas e chamamentos para que se visite Santiago, sen ningunha planificación para un territorio saturado polo turismo ordinario. O vindeiro 2027 será Ano Santo, perdón Xacobeo. Saíu no BOE do 13 de agosto o Convenio entre os Ministerios de Cultura, Facenda e as Comunidades Autónomas polas que transcorren os diversos camiños a Santiago para crear unha Comisión que regulará variadas materias —ata o logotipo— con motivo do Ano Santo Xacobeo 2027. A maioría desas Comunidades designaron entes culturais para executar os programas. Galicia non: nomeou á Axencia de Turismo de Galicia. Non se fala por ningures do impacto nos destinos —entre eles O Salnés— nin nos cidadáns que sufrirán o seu particular purgatorio. Que veña xente a moreas e desgraven empresas son os criterios.