Tania Álvarez, Tono Campos e Kevin Longo conseguen cadansúa praza para o Mundial

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Tras o selectivo para barcos individuais, hoxe é a quenda das piraguas dobres

14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Excelentes noticias as que onte chegaban a primeira hora da mañá desde Zamora. Tres dos oito padexeiros arousáns anotados no selectivo nacional para conformar o equipo co que a Real Federación Española de Piragüismo competirá a finais de octubro no Campionato do Mundo de Maratón, na localidade arxentina de Gualeguaychú, conseguiron o seu obxectivo nas regatas que peneiraron as embarcacións individuais.

No caso dos deportistas do Breogán do Grove Tania Álvarez Yates e Tono Campos, co plus de impoñerse na liña de meta. Tania, cun tempo de 1 hora, 59 minutos e 32 segundos para cubrir os 24,8 quilómetros da proba do K1 Muller Sénior, sacándolle 5,59 segundos a padexeira local Eva Barrios, tamén con billete internacional. Tono, impoñéndose ao esprint ao tamén galego Manu Garrido, co grovense parando o reloxio en 1.41,09 segundos tras 21,4 quilómetros de carreira, 2,12 segundos menos ca Garrido e 49,26 respecto a Fernando Busto, do CP As Torres-Romaría Vikinga, que quedou sen praza para o Mundial.

Si a obtivo o compañeiro de club deste último Kevin Longo no C1 Home Sub-23, grazas ao seu segundo posto, cun tempo de 1.29,43, a 4,42 segundos de Marcos Antúnez, do CD Amigos del Remo. Hoxe decídense as prazas nos barcos dobres.