Luis Busto, de ver o seu pobo de costas ao río «maldito» a presumir de que «todos os rapaces da vila pasan polo club»
AROUSA
Neno da primeira gran remesa do As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, hoxe tutela a aposta pola base dunha das grandes sociedades deportivas do piragüismo de España
10 ago 2026 . Actualizado a las 08:55 h.Falar hoxe do As Torres-Romaría Vikinga de Catoira é facelo dun dos máis brillantes clubs da historia do piragüismo de España. Nada que ver con 30 anos atrás, cando a entidade fundada en 1977 entraba na adolescencia cun pesado lastre. «Cando era rapaz, non soaba nada o piragüismo en Catoira. Daquela Catoira vivía de costas ao río», conta Luis Antón Busto Castaño (29 de agosto de 1982). «Había historias de que nas Torres —de Oeste, as da antiga fortaleza que facía fronte aos saqueos dos viquingos un milleiro de anos atrás— afogaban os homes, que había remuíños que os tragaban». Ata que Manuel Isorna se empeñou en matar o conto de lareira enrolando no club a decenas de rapaces da vila, dando inicio na década dos 90 ao primeiro grande estirón da entidade coa ilusión de nenos coma Luis. Trinta e dous anos despois de deixarse convencer por aquel home que tocaba a trompeta na banda municipal de música, Busto acabou gardando o seu bombardino para pasar a tocar a auga cunha pa e, hai dez anos, coller o relevo de Isorna á fronte da dirección técnica da sociedade deportiva. A súa premisa, manter a mesma filosofía de club pensado para traballar con e pola base, ata o punto de que, di, todos os rapaces de Catoira, con pouco máis de 3.000 habitantes, pasan pola entidade a lo menos uns días nas súas vidas. Algúns, cada vez máis, saboreando a gloria dos podios das grandes citas internacionais.
«Levo case 32 anos no piragüismo. Para min é un estilo de vida. Pero eu, máis ca do piragüismo, son do noso club», comenta Luis. E sen ser consciente, os seus recordos explícanse por el. As horas que botou coa pandilla de mozos aos que agora, como entón, segue chamando amigos dos de verdade, inda que xa non estean nas Torres. As viaxes ás regatas en autobús ou na furgoneta C-15 de Casa Emilio, o mítico restaurante de Catoira especializado en lamprea aberto ata hai escasos anos, antes que as súas moitas medallas autonómicas e nacionais. E sobre todo, o gran momento polo que agardaba todo mozo do club, o regreso a casa: «Ao volver, José, o propietario de Casa Emilio, abría a neveira dos xeados para que todos colleramos o que quixeramos. Era un espectáculo. Un recordo incrible», que borraba dun golpe os invernos interminables de choiva e de frío, no río e nas duchas dunhas instalacións vellas nas que «case non había auga quente, porque a caldeira daba para o que daba».
Aquela felicidade da infancia e todo o que aprendeu de Isorna amalgamáronse en Busto, facendo daquel canoísta nun momento imposible para aguantar o tirón do salto a sénior, inda estudando INEF, o home que precisaba o club a fin de darlle continuidade a un proxecto que ía moito máis aló dos resultados —o As Torres gañou varios anos a Liga Nacional de Piragüismo, cando era unha soa e non unha por modalidade—, para converterse na casa de todos os catoirenses.
Implicación antes ca resultados
«Á marxe dos que están ao máximo nivel, competindo polos podios nacionais e polas prazas internacionais, hai moi poucos piragüistas competindo en España na categoría sénior», sinala Busto. «O noso», explica, «é un deporte amateur no económico, pero moi profesional no traballo diario. Tentamos que os nosos deportistas séniores sexan conscientes de que se require de moito sacrificio, de moitas horas á intemperie». E é desta forma como o As Torres-Romaría Vikinga deu no último lustro o segundo grande estirón no seu case medio centenario de historia, sumando 21 medallas entre Mundiais e Europeos, dez en esprint e once en maratón, máis ca nos seus 44 anos anteriores. É o froito da filosofía de traballo do club, que Busto cualifica de «incrible, un orgullo tremendo».
«O que aprenden os rapaces aquí adestrando é compromiso, sacrificio, constancia. Valores para toda a vida», pero, engade, encaixados nunha premisa, desfrutar do deporte sen mirar o resultado, «ser conscientes de que o importante é o esforzo e a constancia, que un ano podes estar no podio mundial ou quedar fóra por centésimas e que iso non é o que os fai mellores ou peores». Unha idea sementada desde a escola, cunha unidade didáctica coordinada co colexio de Catoira impulsada no seu día por Isorna e que fai que desde hai moitos anos «todos os nenos de Primaria da localidade pasen polo club de piragüismo. É o noso mellor sistema de captación», afirma Busto.
Desde o ano pasado, man con man co presidente da entidade, Yago Castaño, Busto impulsou un equipo de barco dragón que hoxe conta con 14 mulleres. «Son nais de deportistas que non colleran unha pa na súa vida e algunha ex padexeira. O enfoque é o mesmo que coa base: Que veñan facer deporte e máis club. Non é fácil para unha muller de 40-50 anos que nunca fixo deporte atopar un que lle encaixe», reflexiona o director técnico. Ver o impacto do último proxecto non fai máis que reafirmar a súa convición de estar onde ten que estar. «Eu son das Torres».