O presidente da Mancomunidade recoñece que haberá que facer un plan financeiro, pero con superávit

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O presidente da Mancomunidade do Salnés, David Castro, en primeiro termo.
O presidente da Mancomunidade do Salnés, David Castro, en primeiro termo. MARTINA MISER

Castro acusa ao BNG de «hipocrisía» polas críticas tras ter apoiado as que considera as contas máis potentes da historia do ente, e dille á súa predecesora socialista que o novo goberno consegue axudas da Deputación

08 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Mancomunidade do Salnés, o tamén alcalde de Ribadumia polo Partido Popular, David Castro, saíu este venres ao paso das críticas do voceiro do BNG no ente supramunicipal, Manuel Suárez, tras coñecer por un informe da Secretaría-Intervención que haberá que elaborar un Plan Económico-Financeiro supervisado polo Estado para volver cadrar as contas internas. A razón, sinala Castro, é meramente conxuntural, derivada de dúas operacións de crédito destinadas ao investimento na futura nave do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade, por 701.086,27 euros, e para infraestrutura estratéxica de abastecemento de auga, por 428.694,53 euros.

«Non nos endebedamos para pagar gasto corrente. As operacións que provocan esta situación están vinculadas á adquisición de patrimonio e á execución de infraestruturas estratéxicas», salienta Castro, para engadir: «Estamos transformando os recursos financeiros en patrimonio e investimentos que quedan para os nove concellos e para os veciños do Salnés. Todo sen que os concellos teñan que achegar un só euro».

O xefe do executivo do PP á fronte da Mancomunidade defende as súas afirmacións con datos recollidos do mesmo informe de Secretaría-Intervención esgrimido polo voceiro do BNG. Ao peche do 2025, o ente dispoñía de 2.703.041,32 euros de fondos líquidos de tesourería e dun remanente de tesourería para gastos xerais de 2.199.241,35 euros, cun balance de 19.363.734,68 euros e un resultado orzamentario positivo de 159.570,15 euros.

Castro subliña que a execución realizada o pasado exercicio superou en máis de 300.000 euros as previsións iniciais e que o orzamento do 2025 foi o máis elevado das dúas últimas décadas. Por todo o anterior, asegura que a Mancomunidade atravesa unha das situacións económicas e patrimoniais máis sólidas da súa historia, cun importante nivel de tesourería, capacidade para afrontar os seus compromisos e un notable incremento do patrimonio público o último ano».

O presidente da Mancomunidade acusa o BNG de hipocrisía por canto, desvela, a penas unhas horas despois de cuestionar publicamente a situación económica do ente, os representantes da formación nacionalista no seu pleno votaron favorablemente as contas, que resultaron aprobadas sen ningún voto en contra. «É difícil de explicar. Ou estamos ante un profundo descoñecemento de como funcionan as contas dunha Administración, ou ante un intento consciente de enganar os veciños», sentenza Castro.

Á súa predecesora: «Antes cero euros da Deputación»

David Castro tamén tivo palabras de resposta á súa predecesora á fronte da presidencia da Mancomunidade do Salnés, a socialista Marta Giráldez: «Antes cero euros da Deputación, agora conseguimos financiamento para transformar a Mancomunidade», en referencia ao primeiro convenio en dez anos asinado entre ambas as dúas Administracións públicas para o centro loxístico multiservizos no que o ente provincial investirá 250.000 euros.