A semana do cine transforma hoxe o parque Enrique Valdés no salvaxe oeste da gran pantalla
AROUSA
«Rango» é a película seleccionada polo cineclube para disfrutar da tarde ao aire libre
07 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Cine Club Ádega encara o tramo final da Semana do Cine cunha divertida proposta ao aire libre de temática tex-mex. A cita está programada para hoxe no parque Enrique Valdés Bermejo, que se transformará por unhas horas no Far West.
A programación dará comezo ás sete da tarde coa festa ambientada na que, ademais do tradicional pícnic, haberá xogos de época, paseos a cabalo, disfraces, un obradoiro de maquillaxe, música, sorteos e premios. A xornada culminará coa tradicional proxección ao aire libre, desta volta, da película Rango.
A entrada será de balde ata completar a capacidade. Dende a organización animan á veciñanza a participar na celebración disfrazada de vaqueiro, de indio, de mexicano ou de calquera outro personaxe relacionado co universo do Salvaxe Oeste. Ademais, lembran que a persoa que acuda coa mellor vestimenta será premiada con dous pases anuais para as proxección do Cine Club Ádega.
Os asistentes poderán levar a súa propia merenda para desfrutar do pícnic ou adquirila nos postos de comida que se instalarán no recinto. Tamén haberá unha barra con bebidas a prezos populares, pensados para facilitar a participación das familias. Entre as actividades máis agardadas destacan os paseos a cabalo e a música, que terá un papel destacado a cargo de DJ Oswal.
Ás dez da noite dará comezo a tradicional sesión de cine ao aire libre coa proxección de Rango. Dende o Cine Club Ádega convidan a toda a cidadanía a achegarse e participar nesta celebración aberta, que forma parte da programación do 50º. aniversario da asociación, pensada para compartir unha tarde de verán entre cine, natureza e familia.