A Deputación financiará o 82 % a reforma do centro loxístico multiservizos da Mancomunidade do Salnés
AROUSA
Tanto o ente provincial coma o supramunicipal cualfican de estratéxica a infraestrutura que se mellorará
07 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o seu homólogo da Mancomunidade do Salnés, o tamén alcalde de Ribadumia, David Castro, asinaron este xoves o primeiro convenio entre ambas entidades nos últimos dez anos, salientou López. O seu destino, o financiamento das obras de reforma das oficinas e dos espazos formativos do centro loxístico multiservizos do ente supramunicipal, asumindo algo máis do 82 % do total a Deputación , concretamente, 250.000 dos 303.000 euros da intervención.
«Hoxe dáse un paso moi importante do que se van beneficiar os nove concellos da comarca. Nesta historia de colaboración escríbese unha nova páxina, unha importante páxina, grazas a este convenio que asinamos coa Mancomunidade», declarou Luis López no acto de sinatura do convenio.
A obra prevista permitirá habilitar espazos formativos con aulas homologadas e salas polivalentes para os programas de emprego que desenvolve a Mancomunidade, unha cociña e unha cafetería destinadas á formación práctica do alumnado e áreas técnicas para o control do ciclo da auga, a xestión ambiental e o parque loxístico de maquinaria, consolidando o complexo como unha infraestrutura estratéxica ao servizo dos nove concellos do Salnés, explicaron os presidentes da súa Mancomunidade e da Deputación de Pontevedra.