A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía roza os 200 inscritos a falta dos que se anoten no día
AROUSA
A proba raíña, de 2.500 metros, comezará mañá ás 11.00 horas
01 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O prazo de inscrición previo na XLII Travesía a Nado Porto de Vilagarcía pechou o xoves cun total de 177 inscritos. Deles, 99 na proba raíña, sobre 2.500 metros, puntuable para o Circuíto Galego de Augas Abertas con saída mañá domingo ás 11.00 horas desde o pantalán do Centro de Tecnificación de Vela. O mesmo punto desde onde partirán e a onde volverán os 62 nadadores apuntados para a proba sobre 1.200 metros, distancia popular co pistoletazo programado para as 12.00 horas, e os 16 rapaces Sub-10 que ás 12.45 emprenderán unha carreira de 250 metros. En todos os casos, as cifras de participación están abertas a medrar, por canto o Club Natación e Salvamento Vilagarcía, organizador do evento, ofrece a oportunidade de apuntarse tamén momentos antes do inicio das travesías. A cota cobrada na inscrición previa, a través da páxina web championchipnorte, era de 17 euros.
A falta de ver en que medida é aproveitada esta última oportunidade, un de cada catro participantes pelexarán por situar o club anfitrión nos diferentes podios. Todos os nadadores recibirán un gorro conmemorativo de agasallo, e os mellores clasificados nas distintas categorías de cada unha das probas volverán ás súas casas con cadanseu trofeos.
A carón do Centro de Tecnificación de Vela, o Concello porá a disposición da organización a nave municipal de usos náuticos, tanto para as inscricións de última hora, como para o emprego das duchas e dos vestiarios por parte dos nadadores antes e despois da proba.