Una historiadora de Tomiño fai historia ao gañar o premio Ferro Couselo nas dúas categorías
AROUSA
Os traballos Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño e Análise histórica dun concello rural durante a autarquía (1939-1952) foron merecentes das distincións
31 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Natalia Jorge Pereira (Tomiño, 1982) vén de facer historia: o xurado acaba de declarala gañadora do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo por partida dobre. É dicir, foi designada como gañadora nas dúas modalidades, algo que non pasara nunca nos 27 años que van dende a creación deste certame.
Na primeira modalidade, dotada cun premio de 4.000 euros, a obra galardoada é Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, unha obra que afonda no fenómeno do comercio ilegal na Raia do Miño durante os anos corenta do século pasado, proxectando unha radiografía das mercadorías, dos lugares e das persoas aprehendidas polas forzas de vixilancia e control do Estado. O xurado destacou, nas súas deliberacións, o gran traballo de historia oral que hai nesta investigación, así como o ben documentada que está.
Pero Natalia Jorge venceu tamén na segunda modalidade, dotada cunha bolsa de estudos valorada en 3.000 euros, para a que propuxo a realización dun traballo titulado Fame na Valga da posguerra? Análise histórica dun concello rural durante a autarquía (1939-1952). Para a historiadora, Valga é unha localidade axeitada para esta análise xa que reúne condicionantes para posteriores traballos comparativos con outras zonas. Trátase dun concello rural carente dun núcleo urbano no seu entorno máis inmediato, cunha base social de pequenos labregos propietarios e cunha economía de subsistencia baseada na agricultura, gandería e explotación forestal. Por outro lado, fica apartado da Raia, onde o contrabando serviu de recurso para paliar as dificultades. O obxectivo da investigación que propón é descubrir ata onde chegou a fame nesta época e como foi afrontada pola poboación rural do interior pontevedrés.
Natalia Jorge é doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Actitudes e comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira ante as ditaduras de Franco e Salazar na década de 1940, coa que acadou o Cum Laudem. Está especializada no estudo das zonas fronteirizas, o contrabando, a emigración e as identidades na Raia galego-portuguesa do Miño.