O Salnés renova o seu vínculo coa devoción e o polbo en Ponte Arnelas

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Na romaría de Santa Marta hai que probar o polbo.
Na romaría de Santa Marta hai que probar o polbo. MONICA IRAGO

A localidade afronta dende este mércores tres xornadas de festa, comezando pola celebración do día de Santa Marta

28 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

É, sen dúbida, unha das romarías máis tradicionais das que se celebran na bisbarra do Salnés. Falamos dos tres días de festa que este mércores arrincan en Ponte Arnelas, ese enclave que aniña entre Vilanova, Ribadumia e Cambados. Son, claro, as festas na honra de Santa Marta, unha cita imprescindible para quen goza do polbo á feira e do ambiente das festas máis tradicionais e propias.

O programa destas xornadas arrinca xa este mércores, o día de Santa Marta, que comezará de boa mañá con dianas e alboradas a cargo do grupo Faíscas. A partir das nove da mañá comezarán as misas rezadas, que se sucederán de hora en hora ata a unha da tarde. As oito e media do serán, toca misa solemne no vello campo da festa, e procesión coa banda municipal de Ribadumia. Pola noite, as orquestras Acordes e Charleston animarán a velada.

O xoves, día de San Caetano, haberá misa cantada as oito, seguida dunha procesión na que participará de novo a banda de Ribadumia. E Saudade e Suavecito porán a banda sonora a unha noite de verbena e calor.

Co gallo da celebración do día de Nosa Señora de Lourdes, repítese o venres o programa litúrxico. E a partir das dez da noite, nova entrega do programa de verbenas, desta volta da man de Solara e Ritmo Joven.