Este servizo estará operativo durante os próximos tres meses
22 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía seleccionará este venres, 24 de xullo, o persoal que integrará a brigada municipal contraincendios, un servizo que estará operativo durante tres meses grazas ao convenio bianual subscrito coa Consellería de Medio Rural.
A brigada estará formada por cinco persoas: un xefe, un peón-condutor e tres operarios forestais, todos eles coa condición de funcionarios interinos durante o tempo que dure o contrato.
O proceso selectivo desenvolverase mediante o sistema de concurso-oposición libre e comezará ás 9 horas no seminario número 1 do auditorio municipal. As persoas aspirantes deberán acudir provistas do DNI, un currículo debidamente xustificado e roupa deportiva axeitada para a realización das probas físicas. O proceso constará de tres exercicios. O primeiro será un cuestionario tipo test de vinte preguntas sobre materias relacionadas co posto e recollidas nas bases da convocatoria. A continuación realizarase unha proba física, tamén de carácter obrigatorio e eliminatorio, e finalmente unha proba de coñecemento da lingua galega.
As bases poden consultarse na sede electrónica , no apartado de Recursos Humanos-Procesos Selectivos. Se a selección queda resolta este venres, o goberno local prevé que a brigada se incorpore ao servizo o 28 de xullo.