O baño queda desaconsellado na praia de Canelas cunha análise realizada o mércores

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O goberno de Vilagarcía volve reclamar á Xunta un sistema de alertas verdadeiramente eficaz

21 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía recibiu este luns unha notificación da Xunta de Galicia na que se desaconsella temporalmente o baño na praia de Canelas, en Sobradelo, tras detectarse niveis de escherichia coli superiores aos permitidos. Tras recibir o aviso, efectivos de Protección Civil instalaron os correspondentes carteis informativos nos accesos á pequena cala situada xunto ao paseo marítimo fronte á estación depuradora de augas residuais.

Segundo os datos facilitados pola Xunta, a mostra de auga foi recollida o mércores da pasada semana e analizada entre o xoves e o venres. Porén, o resultado non foi comunicado ao Concello ata as 15.05 horas do venres, polo que a notificación non puido ser efectiva ata este luns. Ante esta situación, o goberno local volve reclamar un sistema de comunicación «máis eficiente e, sobre todo, eficaz», ao considerar que a información debería chegar ás Administracións e á cidadanía no momento en que existe un posible risco para a saúde.

As análises revelan unha concentración de 2.005 NMP/100 ml de escherichia coli, moi por riba do límite máximo. O Concello manterá a recomendación de non bañarse en Canelas.