«Nin a min nin avostede vainos cambiar a vida se España gaña ou perde»
12 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que non quixese, que non é o caso, tería que seguir o Campionato Mundial de Fútbol. Tenche todo tipo de interese. Nin a min, nin a vostede, lector, vainos cambiar a vida se España gaña ou perde. Debería darnos igual porque non terá o máis mínimo efecto: ninguén, non sendo os propios e xa ricos futbolistas, terá subidas de salario, nin o Estado pagará hipotecas, nin a inflación ou o prezo da vivenda baixarán, nin teremos mellor educación. Nada mudará. Iso si, no caso do vencedor verase xenteamoreada e con pinturas de guerra pola cara, a berrar e pinchar, exultantes, exhibindo bandeiriñas; haberá desfiles e reafirmarase a pertenza á tribo triunfante. Mentres tanto, vanse vendo futbolistas a pronunciar frases ocas con ton grandilocuente e que ata choran desconsolados. Non se expresa tanta dor por causa de guerras ou fames; para esas cousas parecen da procesión dos caladiños.
É doado dicir que é unha reedición do panem et circenses das Sátiras de Juvenal. Se os moi diversos torneos de fútbol desaparecesen, non pasaría nada. Non sendo porque ás veces é un espectáculo divertido, se por min fose suprimiría este tipo de confrontacións. Ollo, non eliminaría o fútbol, entre outras razóns porque só é un deporte e eu mesmo practiqueino no Amanecer, S.D. Anduriña —o Anduriña doutros tempos— ou no F.C. Villalonga e teño recordos magníficos de todos os compañeiros e do valor da constancia que inculca.
Vén ao conto que recorde a meu familiar e veciño Paco Guillán. É maior ca min, máis ou menos do tempo doutros futbolistas ilustres de San Vicente como, nomeadamente, Senra, un baluarte, Juan Álvarez, pura elegancia, ou os fortísimos Xacobes. Paco era extremo, vino xogar neses partidos de aldea de solteiros contra casados ou mozos contra veteranos, que xuntaban á parroquia. Cando collía o balón empezaba a rir sen paranza. Ría mentres regateaba, centraba ou tiraba. Era un automatismo: recibía a pelota e ría ostensiblemente, seguido, ata que soltaba o balón. Cansábase máis por rir a gargalladas, que por correr a banda. Xogaba, con arte, por divertirse, porque entendía que o fútbol só é unha brincadeira. Así que eu non suprimiría o fútbol se todos xogasen —o verbo é xogar— como o facía Paco Guillán.
Pero a realidade non é esa. É máis ben que o Mundial representa unha das características que impiden a paz e o avance da Humanidade. Simboliza a inclusión da cada un de nós nunha tribo e a loita eterna entre elas. Desde o Paleolítico, pertencer a unha tribo é odiar, atacar e defenderse das outras. En vez de tribo pódese dicir patria, Estado ou nación —isto menos—. Himnos, —e iso que o español está tolleito, que non hai acordo para a letra— uniformes e bandeiras identifícannos dentro dun clan, son para iso. Non se celebra o xogo, senón a vitoria. E xa se sabe que arredor desas ficcións temporais que son os Estados, hai toda unha parafernalia de pensamento. O latino Horacio escribiu a falsidade de que «dulce et decorum est pro patria mori» —morrer pola patria é honorable e doce—; e falsidade resulta se pensamos como foron mudando as patrias deixando mortos por elas en cada esquina. E.O Wilson (1929-2021, biólogo) dixo que o tribalismo foi sempre o principal problema da Humanidade. Engado que tamén busca a eliminación cultural do diferente. E os Mundiais de fútbol son sublimación do tribalismo: non se quere que gañe o que xogue —xogo— mellor, senón que venza a tribo de cadaquén. No deporte trunfarán os mellores … que teñan máis sorte. Como noutro xogo calquera. Así que, —vai de vellos latinismos—, audaces fortuna iuvat, aos mellores axúdalles a sorte, que xa o deixou dito Virxilio na Eneida. Intúo que se gozamos do xogo en si, como Paco Guillán, superaremos un algo o encadeamento a unha tribo.