Xa está dispoñible a programación por días do festival
10 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Revenidas xa ten o seu cartel pechado. O festival, que se celebrará en Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro, incorpora nove novos nomes á programación e remata de perfilar unha edición que volverá converter a vila nun dos grandes focos musicais do verán.
Os principais reclamos xa estaban sobre a mesa, con 9Louro e The Rapants á fronte do cartel, pero agora súmanse nove novas propostas. Entre elas destaca El Pony Pisador, que chega desde Barcelona coa súa particular mestura de folk, ademais de La Sra. Tomasa e De Vacas, dúas formacións que tamén farán parada nos escenarios do Revenidas.
As novas incorporacións complétanse con Taqbir, referente do pop marroquí; Maloa Brothers, formado polos vocalistas de La Raíz; Tapa D’Orella e Lisdexia. A lista péchase con Yaya DJ e A Duendeneta, que este ano celebra a súa décima presenza no festival, converténdose xa nunha das citas máis míticas do evento.
A programación
O Revenidas abrirá as súas portas o xoves 10 cunha primeira xornada na que actuarán Narco, Sara Heve, De Ninghures, Sons of Aguirre & Scila, Nadie González, Süne, El Pony Pisador, Yaya DJ e A Duendeneta. O venres 11 será a quenda de Evaristo, Bob Vylan, Dakidarría, Ilan Amores, La Sra. Tomasa, Matah, Terrae, The Salsa Punk Orkestra, Arrhythmia e, de novo, A Duendeneta.
A terceira xornada, o sábado 12, concentrará boa parte dos pratos fortes do festival, cun cartel encabezado por La Gossa Sorda, El Drogas, Fillas de Cassandra, The Rapants e 9Louro. Xunto a eles subirán ao escenario Taqbir, Rebeliom do Inframundo, Kumbia Queers, Malifeta, Awakate, Maloa Brothers, Queen Rendi, Tapa D’Orella e A Duendeneta.
E o domingo 13, o Revenidas baixará o pano coa súa tradicional sardiñada popular. Co cartel xa completo, o Revenidas enfila a conta atrás. As entradas xa poden adquirirse a través da súa páxina web e, un ano máis, o festival contará con zona de acampada. Ademais, nos próximos días a organización dará a coñecer as actividades paralelas que completarán o programa desta edición.