Valga paga a súa débeda co ex alcalde fusilado Celestino Carbia: o seu nome loce xa nunha rúa da vila á que serviu

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

<span lang= gl >A filla de Celestino Carbia Campaña, Elvira, xunto ao actual alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, no acto de descubrimento da praza que bautiza unha rúa da localidade co nome do rexedor fusilado en 1937.</span>
A filla de Celestino Carbia Campaña, Elvira, xunto ao actual alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, no acto de descubrimento da praza que bautiza unha rúa da localidade co nome do rexedor fusilado en 1937.

Decenas de familiares, de membros da corporación municipal, de representantes de concellos da contorna e de asociacións culturais e a prol da memoria histórica asistiron ao acto

04 jul 2026 . Actualizado a las 20:21 h.

Lenta. Extremadamente lenta. Pero por fin a xustiza, ese valor absoluto que non entende de leis, de credos nin de ideoloxías por máis que os homes se empeñen en violentala amparados en réximes impostos pola forza, esa xustiza sen dono cobrou unha das infindas débedas que lle garda a Historia. Este sábado, o pobo de Valga restituíu o nome dun dos veciños que máis fixo pola localidade, ata o punto de deixarse a vida nelo. A mediodía, acompañado do actual rexedor do municipio, José María Bello Maneiro, Elvira Carbia Barreiro, a única filla hoxe viva de Celestino Carbia Campaña, destapaba a placa do monólito que desde o 4 de xullo do 2026 bautiza a rúa que comunica a casa do concello co Parque Irmáns Dios Mosquera co nome de quen ostentou a Alcaldía de Valga entre 1931 e 1933, e no 1936 ata que o 24 de xullo foi detido polos golpistas comandados por Francisco Franco.

Preso na illa de San Simón, un dos recunchos máis funestos da historia de Galicia da man da barbarie franquista, xulgado en Pontevedra por rebelión militar e condenado á pena de morte nun consello de guerra, Celestino Carbia foi fusilado o 11 de maio de 1937 en Monteporreiro e soterrado no cemiterio de San Mauro de Pontevedra. Tras conseguir o traslado dos seus restos ao cemiterio valgués de Cordeiro en 1977, a familia do represaliado vén de culminar case un século de loita a prol da memoria dun labrador que como alcalde mellorou as redes de comunicación locais para facilitar o tránsito e o coidado do gando dunha veciñanza que vivía fundamentalmente do agro, o financiamento para a construción do cuartel da Garda Civil e, no seu papel tamén de promotor e presidente do Sindicato Agrícola de Cordeiro, a realización de obras importantes na súa parroquia investindo os fondos de paisanos emigrados en América en obras como a escola de Ferreirós, inda hoxe aberta, a escola de mulleres, o campo da festa ou a fonte.

Coa condena declarada ilegal polo Goberno de España recentemente, Bello Maneiro leu o acordo plenario do pasado 23 de abril polo que a corporación municipal lle deu o seu nome a unha rúa polo «traballo honesto e honrado» de Celestino. Ante decenas de membros da familia Carbia, da corporación municipal, de representantes de concellos da contorna e de entidades culturais e a prol da memoria histórica, Elvira Carbia e a bisneta Xiana Carbia tomaron a palabra. «Antes que alcalde, foi un home bo que entendía que quen máis tiña debía axudar a quen máis o necesitaba, e por iso era coñecido coma o pai dos pobres, porque na súa casa nunca faltaba un prato de comida para quen chamaba á súa porta», recorda Xiana.