Antón Pérez, porteiro sub-23 procedente do Céltiga, primeira fichaxe do Arousa de Segunda RFEF

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O gardamallas redondelán pelexará a titularidade con Chema tras destacar no seu primeiro destino como futbolista sénior

02 jul 2026 . Actualizado a las 21:21 h.

O Arousa anunciaba este xoves a primeira das súas fichaxes, coa que pecha tamén a primeira das liñas do equipo co que no mes de setembro materializará o seu regreso á Segunda Federación catro anos despois. Antón Pérez Rodríguez, redondelán de 20 anos, ocupará unha das fichas sub-23 do conxunto arlequinado tras aceptar a oferta de sumarse ás filas dirixidas por Gonza Fernández de cara a pelexarlle a titularidade na portería a quen foi o primeiro futbolista confirmado no cadro de xogadores do Arousa 2026/27, Chema.

Formado na canteira do CD Choco, no que chegou ser titular en media ducia de partidos no seu primeiro equipo no derradeiro ano da súa etapa xuvenil, Antón Pérez estreou a súa traxectoria sénior o pasado curso, nas filas do Céltiga. No equipo do Salvador Otero, o novo gardamallas do Arousa gozou dunha ampla confianza por parte do seu adestrador, o vilanovés Luis Carro, que lle deu a responsabilidade baixo paus en 18 dos 34 partidos de Liga ante un compañeiro tan contrastado na Terceira RFEF como Manu Táboas.

A primeira fichaxe do Arousa competirá con Chema pola portería arlequinada cunha máis ca notable tarxeta de presentación: 21 goles encaixados en 1.620 minutos na Tercera RFEF, unha media dun cada 77 minutos —o Céltiga encaixou un total de 48 na Liga—.

«Faime moita ilusión fichar polo Arousa. É unha oportunidade moi boa para min. Veño dunha boa tempada, e pódeme vir moi ben na miña carreira», afirmou Antón Pérez nas súas primeiras declaracións coma futbolista do conxunto vilagarcián.

«Con moitas ganas de empezar», o porteiro redondelán agarda o vindeiro curso «unha Liga moi complicada e competitiva». E sobre o avanzado ata o de agora pola dirección deportiva e o banco do Arousa en materia de confección do equipo, Antón Pérez considera «unha decisión moi acertada» comezar apostando por manter o bloque do ano pasado, en referencia aos anuncios nos últimos días de cadanseu acordo para a continuidade de Chema, de Concheiro, de Samu Santos, de Carlos Torrado e de Iñaki Martínez. Así as cousas, o conxunto arousista contaba a día de onte con media ducia de efectivos confirmados.