Da primeira escola que vivín

La Voz

AROUSA

A vella escola unitaria non palía a falta de recursos públicos
A vella escola unitaria non palía a falta de recursos públicos

«O franquismo, na andaina escolar da miña xeración, fíxonos perder un mundo de tempo querendo inculcarnos bobadas»

28 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

E stes días fálase das escolas e do número de alumnos por aula polas protestas dos profesores que, entre outros cousas, piden unha menor ratio, de xeito que o tempo dedicado aos estudantes sexa superior e permita maior calidade do ensino. O franquismo, na andaina escolar da miña xeración, fíxonos perder un mundo de tempo querendo inculcarnos bobadas.

Os meus primeiros anos escolares foron da man dunha reforma de 1965 da Lei de Educación Primaria de 1945, que dedicaba un só artigo ás materias de ensino. Unha norma da posguerra para borrar a anterior da República porque esta disque «arrincaba o senso cristián da educación, negaba o ser íntimo da conciencia histórica española e incorporaba a adolescencia á revolución marxista». Fronte a iso, o Movimiento Nacional buscaba a formación católica da xuventude, o servizo á Patria e a consagración do principio cristián de separación de sexos no ensino, recoñecéndolle á Igrexa o dereito a inspeccionar os centros. Quería que as futuras xeracións tivesen a alegría e o orgullo da Patria de acordo coas normas do Movimiento e afirmaba que o seu primeiro principio fundamental era o relixioso, determinando que a escola tiña que ser, antes que nada, católica.

O edificio da escola onde empecei antes de tempo, 1965, fora construído polo Estado. O Concello achegara un terreo que non era seu —era de man común— e comprometérase á limpeza, mantemento e subministro de electricidade. O deseño repetiuse noutras aldeas. Constaba da casa do mestre, unha aula corrida, dúas ou tres habitacións máis, que sempre permaneceron pechadas, escuras, misteriosas, sen que nos estivese permitido entrar nelas —eu entrei e só gardaban pupitres amoreados cheos de traza— e dous baños clausurados, coas billas sen auga e dúas pezas de inodoro de porcelana amarelada, deses a ras do chan, con dous alzados para pousar os pés e un burato no medio.

Como a limpeza correspondía ao Concello do Grove e nunca a realizaba, o mestre tíñanos prohibido entrar alí, porque, dicíanos el, eses váteres estaban atuídos e non tiñan saída. Mexábase fóra, contra a parede Oeste da escola. Nese lugar non crecía a herba e como andabamos a ver quen mexaba máis alto, ata fora desaparecendo a xunta dos perpiaños e todo ía para dentro; aquela inmundicia fedía desde o propio soportal de entrada. Para outras necesidades había que apurarse, verán e inverno, ata un piñeiral achegado.

Unha axencia de lectura

Entre os rapaces falábase galego; co mestre, e el coa súa dona e filla, só aquel castelán. Hoxe no edificio da escola hai unha axencia de lectura, que abre martes e xoves de tarde, e unha sala na que se celebran actividades, previa solicitude burocrática. A casa do mestre está usurpada e o Concello non a desaloxa a pesar de ser necesaria para paliar a penuria de servizos públicos en San Vicente. Era unha escola unitaria masculina, rexida por un só mestre que atendía —é un falar— cincuenta ou sesenta nenos de entre cinco e catorce anos. Quen se atrevía a reclamar ratios! As nenas ían a outra escola rexida ata entrados os anos setenta por unha Instrutora auxiliar segundo as directrices dunha lei que, por «razóns de orde moral e de eficacia pedagóxica», separaba nenos de nenas, establecendo que a primaria feminina prepararía ás mulleres para «a vida no fogar, artesanía e industrias domésticas» e que as que cursaran bacharelato e foran á Universidade debían ser excepción porque había que orientalas cara ao «seu propio magnífico ser feminino que se desenvolve no fogar». A separación por sexos tamén se aplicaba aos mestres.

En 1971 mandáronme para un internado en Santiago onde curas e profesores falaban castelán. Contareino doutra volta.