A traiñeira CR Mecos abre un novo ciclo con Toni Montenegro á fronte e o crecemento desde a base por guía
AROUSA
Inicia esta tarde en Narón a Liga Galega de Traiñeiras A
27 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Liga Galega de Traiñeiras A inicia hoxe o calendario da súa tempada 2026. Faino na Bandeira Cidade de Narón, co Club de Remo Mecos entre os dez equipos dunha listaxe de participantes con tres nomes sobresaíndo por riba do resto: Cabo de Cruz, descendido da ACT a finais do curso pasado, Samertolameu de Meira, cunha das mellores canteiras de España, e o outro club de Moaña, Tirán.
O trío de favoritos ao título, cunha chea de remeiros con experiencia na ACT nas súas bancadas, expono Toni Montenegro. O grovense, formado na canteira de Amegrove e cunha brillante traxectoria como remeiro con trece anos na mellor liga de banco fixo de España repartidos no CR Mecos, Pedreña, Castro e Urdaibai, estréase este ano á fronte da Mequiña como técnico, poñendo ao seu servizo os coñecementos dun bicampión da ACT e cinco veces gañador da Bandeira da Concha vestido de curto. Tras adestrar na canteira de Urdaibai e como responsable de Santoña (ARC 2, 2017), de Arkote (ARC 1, 2019), de Amegrove (LGT-B, 2022) e a tempada pasada, de Castropol na LGT-A, Toni Montenegro asume o reto que lle propuxo a directiva do club co que debutara remando na ACT: «Facer un equipo atractivo, que non pase os apuros dos últimos anos —no 2025 o CR Mecos rematou noveno nunha liga de 12 embarcacións—, seguindo a traballar coa canteira do club».
Neste punto, «o 98 % do equipo —17 remeiros e un par de patróns— son do Grove; todos agás César Agra, de Vilagarcía, e Unai Guilisasti, que adestrara en Arkote e este ano quixo remar comigo», salienta o adestrador meco.
Montenegro comenta o inverno tranquilo, sen lesións, do que dispuxo Mecos para montar o seu novo proxecto, e o bo ambiente no vestiario. Tamén como todo o anterior e o traballo feito se traduciron xa nun cuarto posto no Campionato Galego de Traiñeiras, este mes.