Salnesiña, a mascota que nace para revivir o emprego do galego entre os meniños

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os equipos de normalización dos colexios de Arousa alíanse para facer fronte a unha situación extrema: en moitas aulas da comarca non hai un só neno galegofalante

26 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai na lectura deste fenómeno trazo político ningún. Trátase da constatación dun feito de fonda significación social: a desaparición práctica, aínda que non formal, do galego nas aulas e nos niveis máis temperás da educación regulada. Vilanova, Vilagarcía, O Grove, A Illa. O profesorado constata un mesmo fenómeno: «A escola estase a converter nun entorno castelanizante, cando debería ser todo o contrario». Ou, cando menos, tería que funcionar coma un factor equilibrador. Quen fala é Javier García, docente e coordinador do equipo de normalización lingüística do colexio de Meaño. «Hai un ano, os equipos de nove centros fixemos unhas enquisas rápidas, internas, que nos permitiron testar cal é a situación real da lingua nas aulas. O resultado foi moi grave, cuns niveis de uso entre os nenos e as nenas moi por baixo do que esperabamos: clases con 18 alumnos dos que 18 eran castelanfalantes». Cumpría reaccionar dalgún xeito, e á primeira iniciativa, unha modesta chapa que distribuír nos coles baixo o lema Eu falo galego, seguiulle este curso unha acción moito máis ambiciosa, que chega cargada de futuro: a creación de Salnesiña, unha mascota que nace para incentivar o emprego do galego entre os pícaros da bisbarra e onte foi presentada en Exposalnés.

A idea de fondo é a constitución dunha coordinadora de normalización lingüística entre os centros de educación infantil e primaria. Aqueles nove que comezaron hai un ano son xa 22, distribuídos nos nove concellos que conforman O Salnés. Neles botou a andar un concurso que procuraba beber dos símbolos cos que calquera arousán, calquera galego, en realidade, pode sentirse identificado. O mar, a terra, o vento, a choiva. O resultado é unha fermosa criatura con cabeza de pandeireta e nove ferrallas por cada concello da comarca. Unha onda mariña representa a cultura mariñeira. O seu corpo é un mexillón. As botas de auga lembran a infancia e as súas gañas de chapuzar en todas as pozas. Unha bufanda voa coma o vento. E unhas follas de carballo remiten á terra. O seu nome xurdiu dunha consulta aos meniños de cada escola. Houbo unha Salga. Houbo unha Albariña. Pero gañou Salnesiña, nun bautizo que dificilmente podería resultar mellor aqueloutrado.

«A nosa intención é darnos a coñecer como docentes preocupados por unha realidade que necesitamos axuda para reverter. Que a lingua galega está en risco polo seu uso tan reducido na infancia. Na cultura que lle chega aos nenos, dende literatura ao audiovisual, a lingua apenas está presente». Obra da creadora Yoli Martínez Santiago, Salnesiña promete dar moita guerra nun labor que interpela a todos e ao que direccións, institutos e colectivos sociais están convidados.