Será o único de España en participar no CERN Festival Programme
26 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán entre os días 10 e 13 de setembro, incorporará nesta edición un novo espazo dedicado á divulgación científica. Baixo o nome de «Ondas e partículas», o escenario acollerá charlas, obradoiros e actividades participativas impartidas por investigadores e divulgadores de referencia no ámbito galego e estatal.
A iniciativa está promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, co apoio da Fundación Ciencia e Sociedade do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
A presenza deste espazo converterá ao Revenidas no primeiro festival galego en formar parte do CERN Festival Programme e no único evento de España que acollerá esta proposta ao longo de 2026. O programa internacional leva desde 2016 achegando a ciencia a festivais musicais de distintos países mediante actividades divulgativas abertas ao público asistente.
Entre os nomes confirmados para o escenario «Ondas e partículas» figuran os divulgadores Eduardo Sáenz de Cabezón, Verónica Bolón, Paula Desiré, Jose Edelstein e Adrián García, coñecido nas redes sociais como «El Físico Barbudo».
A programación incluirá igualmente propostas prácticas e interactivas. Entre elas figuran obradoiros para construír cargadores solares que os participantes poderán levar consigo, demostracións con cámaras de néboa e actividades relacionadas coa elaboración de xeados mediante nitróxeno líquido.
O director do IGFAE, Carlos Salgado, explicou que a iniciativa busca achegar diferentes contidos científicos ao público do festival e transmitir o interese polo coñecemento científico. Pola súa banda, o director do Revenidas, Xoán Quintáns, destacou a incorporación do festival a un programa internacional vinculado ao CERN e a colaboración co instituto galego de investigación.