A Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova, declarada de Interese Turístico Nacional
AROUSA
O Ministerio de Industria valorou a súa «traxectoria e singularidade»
25 jun 2026 . Actualizado a las 19:04 h.Boas noticias para a excelencia gastronómica de Vilanova de Arousa: este xoves, o Ministerio de Industria e Turismo deu luz verde ao recoñecemento da Festa do Mexillón e do Berberecho como de Interese Turístico Nacional, un selo que premia a traxectoria e importancia desta cita con anos de historia ás súas costas. É a primeira vez na historia que a localidade acada este recoñecemento, aínda que hai que ter en conta que xa gozaba do selo de Festa de Interese Turístico Galego dende o ano 2014.
O alcalde da localidade, Gonzalo Durán, amosábase moi satisfeito coa nova e marcaba xa o seguinte reto a conseguir: «Tan pronto como sexa posible comezaremos a traballar para conseguir o interese internacional, imos a por todas, non hai dúas sen tres», celebraba.
Criterios
Para a obtención do título, o Ministerio, a través da Secretaría de Turismo, tivo en conta «o seu arraigo social, a súa traxectoria histórica, a súa singularidade e a súa contribución á promoción turística, cultural e gastronómica de España».
A declaración recoñece unha celebración que, dende a súa creación en 1994, experimentou «unha evolución constante ata converterse nunha das principais citas gastronómicas de Galicia e nun destacado escaparate dos productos do mar vinculados á ría de Arousa».
Celebrada cada ano durante a segunda fin de semana de agosto, a cita reúne a miles de visitantes atraídos por unha programación que combina a exaltación gastronómica con actividades culturais, musicais, deportivas e de divulgación do patrimonio mariñeiro. Na súa última edición, segundo cifras do Ministerio, congregou a máis de 15.000 asistentes e superou os 5.000 comensais na súa carpa, situada dende hai uns anos fronte ao mar, na praza do Castro —antes situábase ao carón da praza de Abastos—.
«Este recoñecemento vai supoñer unha promoción a nivel de todo o Estado, o cal é fundamental para que siga crecendo», expoñía o rexedor vilanovés, que felicitou a todos os veciños da localidade polas boas perspectivas que deixa o selo a nivel económico. A secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez, valorou especialmente a vinculación da festa coa identidade e historia de Vilanova, «un municipio estreitamente ligado ao mar e á actividade pesqueira, marisqueira e bateeira». A celebración, di Sánchez, constitúe «unha homenaxe ao traballo de xeracións de profesionais do sector».
A boa nova coincidiu coa presentación da programación «Sonatas de Verán», na que se inclúe a devandita festa, que este ano se celebrará dende o xoves 6 de agosto ata o domingo 9.
Deste xeito, Galicia conta xa con trece Festas de Interese Turístico Nacional, sendo a de Vilanova a terceira na zona, ao carón da Festa do Marisco do Grove (2013) e das Festas de San Roque de Vilagarcía (2006). A comunidade conta tamén con catorce citas marcadas como de interese internacional, sendo na nosa zona a da Romaría Vikinga de Catoira (2002) e da Festa do Albariño de Cambados (2018).