«Queremos que a xente se sinta orgullosa da camiseta do CLB. Hai moita historia deste pobo detrás»
AROUSA
O novo club nace coa firma da súa acta fundacional e con Nuria Rubio como presidenta para acabar de espantar os dramas vividos en decenas de casas de Vilagarcía de Arousa un par de semanas atrás
23 jun 2026 . Actualizado a las 21:48 h.A transformación do CLB dun acertado e necesario proxecto de unión do groso da canteira do baloncesto vilagarcián nun club a todos os efectos veu culminada a última hora da tarde do luns unha longa viaxe de doce anos, marcada polas fortes e ameazantes turbulencias das últimas semanas e coroada co final feliz que merecía a historia iniciada polo Cortegada, polo desaparecido Liceo Casino e mais polo BBC. Coa sinatura de Nuria Rubio baixo a liña de presidenta, e as de Alejandra Nogueira na de vicepresidenta, de Alba Gorgoso na de secretaria, e de Gustavo Andújar na de tesoureiro, con Jorge Freijeiro e Diego Doval en calidade de vogais, o CLB dispón xa do seu primeiro documento en propiedade: a acta fundacional dunha entidade deportiva que nas vindeiras semanas buscará completar pola vía exprés toda a burocracia que desembocará na súa entrada na listaxe de clubs asociados á Federación Galega de Baloncesto.
As primeiras palabras de Nuria Rubio coma primeira presidenta do CLB foron para todos os que fixeron posible chegar ata aquí: «Queremos agradecer el esfuerzo realizado por todas las personas que hace 12 años creyeron en la unidad de tres clubes y formaron el CLB. Aquel proyecto hoy podemos decir que se acaba de consolidar» de cara a «seguir dando cobertura a todos los chicos y chicas para que puedan practicar baloncesto en Vilagarcía. Esa es nuestra prioridad, formándolos desde los valores de compañerismo, respeto y esfuerzo».
Dous nomes destacan tras este desenlace, moi disinto ao que se debuxaba no horizonte tras a ruptura das negociacións entre o Cortegada e o BBC para prolongar o acordo polo que as súas canteiras viñan traballando coma unha soa base, desde esta semana xa completamente independente de ambos os dous clubs primixenios. O de Diego Doval, polo lado do BBC, e de Alba Gorgoso, polo do Cortegada, son eses nomes. O empeño dun e doutra por evitar unha decisión «coa que ninguén estaba contento», subliña Alba, é a principal razón da subsistencia, en primeiro termo, e da eclosión definitiva do novo referente do baloncesto vilagarcián, que firmará cadanseu acordo cos dous clubs de orixe para darlles saída á categoría sénior aos seus canteranos á finalización da súa etapa de formación.
«Todos, agás Nuria, que os tivo antes, tiñamos fillos, un ou dous, no CLB. O día seguinte ao anuncio do Cortegada de que se rompía o CLB a miña filla, de 9 anos, á que eu non lle dixera nada, chegou do adestramento chorando e preguntando a onde iamos ir». O momento, vivido por moitas das arredor de 200 familias que compoñen a estrutura do CLB, cóntao Alba Gorgoso. No seu caso, metida de cheo desde había algúns días na negociación entre clubs, supuxo unha epifanía. «Coñecía a Diego de había moitos anos. Falamos, vimos un camiño e seguímolo ata o final» coa axuda dun terceiro actor crucial, o avogado especialista en dereito deportivo Yago Casal, contratado polo Cortegada para negociar no seu nome; «foi fundamental, para manexar as ideas, para apoiarnos e para resolver as dúbidas», di Alba.
«Cando vin o comunicado do Cortegada e que a situación era irreversible, puxémonos a traballar para crear un club novo, con total autonomía», conta Diego Doval, que leva anos colaborando coa directiva do BBC. «Os rapaces xa tiñan interiorizado o CLB como o seu club, unha ruptura non tiña sentido, e sabiamos que estaba golpeando animicamente a moitas familias». E aquí, Diego e Alba queren agradecerlles aos directivos do Cortegada e do BBC por dar un paso ao lado e deixar facer no que cualifican de «xesto de moita xenerosidade».
Agora, cun «gran capital humano» que queren aproveitar, mellorando a comunicación coas familias, e con intención de abrir a directiva a novas incorporacións tras este primeiro árido ano de constitución burocrática e financeira, a intención é clara: «Que a xente se sinta orgullosa desta camiseta. Hai moita tradición detrás destas siglas, moita historia deste pobo», sentencia Diego Doval.