Adega repasa medio século de activismo ambiental cunha exposición na Xunqueira
AROUSA
A mostra ofrece unha viaxe polos principais episodios da historia do ecoloxismo galego e polas loitas desenvolvidas en defensa do territorio durante as últimas cinco décadas
24 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O parque da Xunqueira converteuse nun espazo para a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do medio ambiente en Galicia coa inauguración da exposición «Adega: 50 anos coidando a terra». A mostra, organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia con motivo do seu cincuentenario, ofrece unha viaxe polos principais episodios da historia do ecoloxismo galego e polas loitas desenvolvidas en defensa do territorio durante as últimas cinco décadas.
A apertura oficial contou coa participación da tenente de alcalde, Tania García, e do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, que percorreron a exposición acompañados por representantes da entidade ecoloxista. A través de 16 paneis informativos, ilustrados con fotografías, documentos e materiais gráficos, o público pode coñecer tanto a evolución de Adega como os grandes retos ambientais que marcaron a historia recente de Galicia.
Un dos elementos máis chamativos da mostra é a recreación dos bidóns radioactivos que durante décadas foron arroxados á Fosa Atlántica. Esta instalación serve para lembrar a mobilización social que contribuíu a poñer fin a estas prácticas e tamén para evocar outros episodios de forte impacto ambiental, como o accidente do cargueiro Casón fronte ás costas de Fisterra en 1987.
Os contidos expositivos abordan cuestións como os incendios forestais, a expansión das celulosas, os proxectos eólicos, a actividade mineira, as campañas antinucleares ou as consecuencias de catástrofes marítimas como as do Casón e o Prestige. Ademais, a exposición pon o foco na importancia do voluntariado.